O Son únese aos actos convocados este mércores en contra da guerra

O Concello de Porto do Son únese á multitudinaria e practicamente universal fronte común de apoio internacional e solidario co pobo ucraíno e contra a guerra perpetrada polo Goberno ruso. En concreto, confirmou a súa adhesión aos actos que convoca a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para este mércores 9 de marzo ás 12.00h en solidariedade co pobo ucraíno, consistentes nunha concentración silenciosa de cinco minutos que se celebrará na entrada da Casa Consistorial. O obxectivo, segundo confirmou o Concello, é “mostrar o apoio e afecto do municipio a todas as persoas que están a sufrir as consecuencias deste conflito bélico desencadeado pola Federación Rusa”.