Convocados os exames de 2022 para o manexo das embarcacións de lecer e motos náuticas

08 Marzo 2022

A Consellería do Mar compartiu este martes 8 de marzo as datas para a realización dos exames ordinarios teóricos e prácticos para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia. As titulacións para as que se convocan os exames son patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B. Para optar a elas realizaranse exames teóricos e prácticos nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.

No caso de patrón para a navegación básica, os exames teóricos realizaranse o 9 de maio e o 12 de setembro; as probas teóricas de patrón de embarcación de lecer serán o 10 de maio e o 13 de setembro; e as de patrón de iate levaranse a cabo o 11 de maio e o 14 de setembro. Os exames prácticos destas tres titulacións serán o 13 de maio e o 16 de setembro e todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira.

En canto aos exames de capitán de iate, o teórico realizarase a 12 de maio e o 15 de setembro, e o práctico o 13 de maio e o 16 de setembro. Os exames teórico e práctico de patrón de moto náutica A e B serán o 13 de maio nunha única convocatoria. Tanto as probas de capitán de iate como as de patrón de moto náutica realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

As persoas interesadas en presentarse aos exames deberán formalizar unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizarán os exames. O modelo de solicitude figura como anexo I da resolución publicada no DOG (PDF), na cal tamén se poden consultar os requisitos necesarios e a documentación complementaria que se debe presentar.

Para a convocatoria de maio, o prazo de matrícula permanecerá aberto desde o 28 de marzo ao 8 de abril, ambos incluídos, e para a de setembro poderán inscribirse desde o 1 ao 12 de agosto, ambos incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galicia. De xeito opciónal, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro nomeará os tribunais para a realización das probas e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

As datas e os lugares previstos para as probas poden consultarse punto por punto na web da Consellería.

Exames extraordinarios
A convocatoria dos exames extraordinarios teóricos para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer en Galicia neste 2022 tamén está aberta. Estas probas están destinadas ao alumnado matriculado nas escolas de navegación de lecer homologadas. Neste caso, hai tres convocatorias e son estes centros homologados os que se encargan dos trámites para poder presentar ao seu alumnado aos exames.

Aínda que o prazo de inscrición para a convocatoria de marzo xa finalizou, as escolas aínda poden inscribir ao seu alumnado para a de xullo entre o 30 de maio e o 10 de xuño, ambas datas incluídas. Para a de novembro-decembro, o período de matrícula é do 2 ao 15 de novembro (ambos incluídos).

No caso de patrón para a navegación básica, os exames realizaranse o 21 de marzo, o 4 de xullo e o 28 de novembro; as probas de patrón de embarcación de lecer serán o 22 de marzo, o 5 de xullo e o 29 de novembro; e as de patrón de iate realizaranse os días 23 de marzo, 6 de xullo e 30 de novembro. Todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira. En relación ao título de capitán de iate, as probas celebraranse o 24 de marzo e o 1 de decembro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.

As datas e os lugares previstos para as probas extraordinarias poden consultarse punto por punto na web da Consellería.

Outros artigos

Arrastreiro de Ribeira investigado por captura de golfiños

A Garda Civil denuncia ao patrón tras a difusión de vídeos en redes sociais que mostran a captura de cetáceos en Galicia. Segundo recolle a web costaoeste.gal, a denuncia contra o patrón do arrastreiro de Ribeira xerou gran preocupación no sector pesqueiro galego e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

Non nos preocupa demasiado o ver, cada día, a persoas deambulando polas rúas ou durmindo nalgún caixeiro ou portal dun edificio. Son persoas sen fogar, xeralmente con algún tipo de dependencia e que necesitan axuda, aínda que non a pidan porque carecen da estabilidade...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.