
O Parlamento de Galicia aprobou este martes 15 de marzo, por unanimidadem a proposición non de lei presentada polo PSdeG na que se insta á Xunta a “adoptar as medidas necesarias para promover e facilitar o acceso das mulleres que traballan no mar aos órganos de dirección, representación e organización no sector da pesca de Galicia”.
A iniciativa complementa a creación do observatorio de igualdade que, tamén a instancias do PSdeG, recibiu o visto bo de todos os grupos con representación na Cámara autonómica a semana pasada. Ambas propostas, segundo indicou a parlamentaria socialista Patricia Otero, recollen as inquedanzas da asociación Mulleres Salgadas, a única asociación de ámbito galego de mulleres no sector pesqueiro.
Neste contexto, Patricia Otero defendeu unha proposición non de lei que tiña como gran obxectivo acabar coa “situación de invisibilidade” que levan padecendo as mulleres do mar dende hai anos. Esa falla de visibilidade, sinalou Otero, evidénciase en “que, malia que na actualidade as profesionais están presentes en todos os segmentos da cadea de valor da pesca, seguen a ter unha moi baixa representación nos órganos de dirección onde se toman decisións que afectan ao seu futuro”.
Como mostra disto subliñou o feito de que dos 63 patróns maiores dos pósitos galegos, só 5 son mulleres. “É moi chocante que a día de hoxe, en pleno século XXI, haxa tan baixa representación”, advertiu. Por iso, considerou “inaprazábel e urxente” que se tomen medidas para facilitar o acceso das mulleres a estes postos. “É de xustiza”, dixo antes de instar á Xunta a tomar medidas e articular procedementos para rematar con esta “incrible infrarrepresentación”.
En calquera caso, para acadar este obxectivo, Patricia Otero puxo en valor tamén a proposta para pedir á Xunta a creación dun observatorio da igualdade no sector pesqueiro galego. Entre as funcións deste organismo, dixo, estarían as de “estudar, analizar e establecer diagnoses e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas”. De maneira específica, solicitábase que se prestase atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.