O grupo ribeirense do Partido Galego propón nas alegacións ao PMUS accións de choque a prol da mobilidade limpa a todos os niveis

11 Febreiro 2022

A agrupación local do Partido Galego no concello de Ribeira presentou as súas alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana e Sustentábel do Concello, o PMUS, enmarcado no eixe quinto de Desenvolvemento Rural e Urbano e no macro-proxecto Ribeira Atlántica 2015, segundo o seu obxectivo xeral “facer do concello ribeirense un referente turístico de Galicia en base a criterios de rendibilidade e sustentabilidade”. Por exemplo a través dun programa para mellorar a accesibilidade e mobilidade no territorio (rede viaria, transporte público, bicicletas, zonas peonís, estacionamentos, etc.), impulsar o fomento dos medios de transporte limpo e avanzar nunha maior seguridade viaria.

Desde a Agrupación Local do Partido Galego en Ribeira consideran “de máxima importancia a participación que, tanto os servizos municipais, os axentes sociais que forman os diversos colectivos e asociacións e toda a cidadanía, en xeral se debe fomentar para a completa implicación no PMUS inicialmente aprobado polo pleno da Corporación”. En base a isto, presentan as seguintes propostas:

1. “Instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos en distintos puntos do concello, tendo en conta tamén non só o centro da cidade senón tamén as diferentes parroquias do termo municipal. Como desenvolvemento da implantación ademais das instalacións xestionadas polo Concello, tamén se pode expoñer o proxecto a asociacións comerciais e hostaleiras, responsables de áreas comerciais, supermercados e estacións de servizo, coa finalidade de facer acordos e procurar diferentes bonificacións ou incentivos aos usuarios deste tipo de vehículos. Dentro deste tipo de instalacións tamén se debe ter en conta a instalación de puntos de recarga para patinetes e bicicletas eléctricas. Ademais, por parte da Administración local, tamén se pode poñer en valor a utilización destes vehículos, realizando bonificacións para a cidadanía no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) tal e como xa ocorre noutros concellos do territorio español”.

2.- “Estudar cos outros concellos das comarcas do Barbanza e de Noia así como outros adxacentes a creación dun ente supramunicipal no que os autobuses destinados ao transporte colectivo utilicen enerxías verdes (hidróxeno, eléctricos ou biodiesel) ou incluso unha liña de trolebuses, reducindo considerablemente as emisións contaminantes e facilitando a baixada dos prezos dos billetes de transporte, xa que son enerxías máis baratas que as derivadas dos combustibles fósiles”.

3.- “Facer un estudo de viabilidade dun transporte marítimo entre as dúas marxes da ría da Arousa en barcos rápidos e de tecnoloxías verdes. Isto facilitaría o aproveitamento do turismo de vilas da fronte do noso municipio como pode ser Cambados, O Grove, Sanxenxo, Portonovo, Vilagarcía,… así como a mellora de transporte dos veciños de Ribeira e da comarca cas localidades antes mencionadas (por exemplo estudantes de Universidade e Ciclos de Formación Profesional en Pontevedra ou Vigo)”.

4.- “Implantación a curto prazo, por parte dos servizos municipais, de vehículos eléctricos para dar exemplo da importancia do coidado medioambiental e da diminución das emisións contaminantes. A maioría dos desprazamentos da xornada laboral dos servizos municipais non chega aos 150 quilómetros que é o mínimo de autonomía dalgúns turismos e furgonetas eléctricas”.

5.- “Promover o uso de furgonetas de funcionamento eléctrico nos servizos de reparto a domicilio (por exemplo reparto de supermercados) sobre todo no casco urbano do concello, a través de acordos coas empresas de reparto e da creación dunha ordenanza municipal”.

6.- “Aproveitamento óptimo das cubertas dos inmobles de titularidade municipal para a instalación de paneis solares para poder rebaixar a factura enerxética do Concello e destinar o aforro a outras causas. Esta xeración de enerxía eléctrica pode ser destinada á correcta iluminación de determinadas zonas de Ribeira nas que escasea ou non existe o alumeado público, así como para sinalizar con alumeado e dispositivos eléctricos como a instalación de focos LED de alumeado dos pasos de peóns, sinais horizontais luminosas dos pasos peonís e de carril bici e sinais de perigo luminosas para a circulación de vehículos”.

7.- “Correcta sinalización de pasos de peóns e pasos de carril bici así como a sinalización horizontal deficiente no termo municipal. Existen grandes deficiencias de visibilidade dos pasos de peóns e da sinalización horizontal, en xeral, na grande parte de todo o municipio polo que é, desde o noso punto de vista, de prioritaria importancia o repintado (con pinturas ecolóxicas non contaminantes) perfectamente adaptable no apartado das propostas de seguridade viaria do PMUS”.

8.- “Revisión de posicionamento, xunto co resto de usuarios habituais das vías de circulación do noso municipio, da situación de certos contedores de lixo que obstaculizan a visibilidade dos peóns e os condutores”.

9.- “Creación dunha área pública de autocaravanas e dunha ordenanza municipal que regule este tipo de usuarios. Tendo en conta o importante incremento deste tipo de turismo, o noso concello non debe quedar atrás con respecto a esta modalidade de turismo polo que, desde o noso punto de vista, deberíase crear o antes posible un servizo público para estacionamento, vertido de augas grises e negras así como instalación eléctrica, apoiado con paneis solares, nunha zona chaira e pavimentada cun número non inferior a 10 autocaravanas. Este servizo pode ser controlado de moi diversas formas se ben unha que non implicaría grandes custes para o concello sería a través do pago dos servizos de carga de auga e electricidade mediante pago nas propias máquinas de servizo (p.e. área de autocaravanas de Viveiro) cunha pernoctancia máxima de 48 horas. Unha zona axeitada para implantar o servizo de autocaravanas, debidamente sinalizado podería ser en Coroso, no aparcadoiro onde habitualmente estacionan durante todo o ano. En todo caso antes de proceder á creación do proxecto, deberíase contar coa participación dos futuros usuarios deste servizo, p.e. a través da Asociación Galega de Autocaravanas”.

10.- “Creación dunha Ordenanza Municipal do uso de patinetes eléctricos. Sen dúbida trátase dun tipo de transporte individual non contaminante pero que debe ser regulado de tal forma que tamén protexa ao resto de usuarios de zonas peonís, polo que se debería aclarar onde poden e onde non poden circular estes vehículos”.

11.- “Temos constancia do gran malestar que hai por parte de usuarios do Centro de Día e Alzhéimer no referente aos aparcadoiros habilitados para estes na avenida do Malecón, xa que en primeiro lugar, as tres prazas habilitadas son insuficientes para deixar e recoller aos usuarios que, normalmente presentan problemas de mobilidade. Ademais disto temos constancia de que as tres prazas habilitadas, están habitualmente ocupadas por vehículos que carecen de acreditación para estar estacionadas e soen estar durante moito máis tempo que o tempo habitual para deixar no centro ou recoller ás persoas usuarias deste servizo esencial. É por isto que propoñemos primeiramente que se incremente significativamente a vixilancia policial para que as prazas sexan utilizadas realmente por usuarios do centro, que se incremente en dúas prazas máis nas horas de entrada e recollida así como que se estableza un tempo máximo de estacionamento (p.e. de 15 minutos)”.

12.- “Concordamos coa incorporación aprobada no Pleno celebrado o pasado día 10 de xaneiro do 2022 en canto a que o PMUS “especialmente someterase a consideración da Mesa de Peonalización para a súa revisión” e precisamos complementar esta observación co seguinte:

– É preciso que a cidadanía de Ribeira, en xeral, coñeza o posicionamento das partes implicadas nas sucesivas actuacións de humanización de entornos urbanos xa sexa no centro urbano de Ribeira coma noutras parroquias como Aguiño ou Palmeira, por poñer como exemplo, polo que a Mesa de Peonalización debe estar activa realmente para que a cidadanía coñeza os pros e contras das actuacións a planificar.

– Por outra banda temos a convicción de que, en toda zona que se propoña para ser peonil, débese considerar previamente a solución das prazas de aparcadoiro que se van a suprimir, se é o caso, e contemplar onde e de que forma se van a compensar para que tanto as empresas, autónomos e os veciños e veciñas teñan aseguradas as debidas prazas de aparcadoiro na situación máis próxima e menos prexudicial. É dicir, toda actuación debería ter contemplada unha solución previa á propia modificación”.

13.- “Debemos contemplar como unha actuación prioritaria a correcta pavimentación e adecuación dos aparcadoiros públicos do termo municipal de Ribeira, xa que presentan fochancas intransitables por turismos, carecen de sinalización vertical para unha correcta distribución das zonas de aparcadoiro de cada vehículo e tamén presentan unha completa precariedade de iluminación, todo isto, desde o noso punto de vista solucionable e que debería incorporarse ao Plan que tratamos”.

14.- “Débense pór en marcha medidas para mellorar a seguridade viaria nas estradas intermunicipais e, concretamente, nas parroquias deste concello de Ribeira, polo que se debería incrementar e mellorar a sinalización dos límites de velocidade, os pasos peonís e as sinais horizontais en todas as parroquias. Ademais tamén é preciso revisar o estado dos espellos de visibilidade nos sitios onde é preciso e consideramos que resulta incomprensible que teñamos queixa de veciños de Ribeira que precisen un espello para poder ver si poden saír á vía pública e que a resposta da Administración local sexa que teñen que pagar pola instalación deste dispositivo de seguridade viaria”.

15.- “Implantación dun maior número de sinais indicativas de vías estreitas ou vías sen saída en toda a entorna do municipio, xa que existen moitos núcleos que presentan esta problemática pero non están sinalizadas polo que se trata dunha deficiencia de información na circulación viaria que precisa ser solucionada polas implicacións que implica para vehículos que non debería acceder pola imposibilidade física pero non identificada previamente”.

Moza en bicicleta nunha imaxe do Bici Institut

16.- “Nas interseccións dos carrís bici débese contemplar a sinalización horizontal propia de “paso de carril bici” xa que, como é sabido o paso de peóns non é o adecuado para sinalizar o paso de bicicletas”.

17.- “Nos pasos de peóns vese a necesidade de mellorar a sinalización horizontal tamén para os propios peóns incluíndo nos novos repintados dos pasos a sinalización para o peón indicando que mire primeiro á esquerda ou á dereita antes de cruzar o paso”.

18.- “Establecemento nas vías interurbanas de sinalización vertical para advertir da distancia de seguridade de adiantamento dos ciclistas”.

19.- “Crear un sistema público de aluguer de bicicletas para fomentar o uso da mesma no noso concello, contando cun número suficiente de puntos de aluguer nunha rede ben repartida na cidade”.

20.- “Pór en marcha e de forma periódica cursos e xornadas de información, concienciación e formación de educación viaria en todo o municipio, dirixido especificamente aos diversos usuarios (menores escolares, maiores, peóns, condutores de vehículos e ciclistas), así como campañas de visibilidade para peóns e ciclistas con chalecos ou dispositivos refrectantes”.

21.- “Traballar activamente na accesibilidade sen obstáculos para as persoas con mobilidade reducida co obxectivo de conseguir obter beirarrúas co espazo suficiente, con accesos axeitados para poder transitar as cadeiras con rodas, libres de pavimentos ou lousas soltas e sen postes da luz ou de teléfono no medio das mesmas”.

22.- “Control da Policía Municipal en determinados pasos de peóns non regulados por semáforos e en determinadas horas das entradas e saídas das escolas. Por exemplo nas entradas e saídas escolares na avda. Miguel Rodríguez Bautista prodúcense intensas conxestións de tráfico nos pasos de peóns non regulados por semáforos. A outra opción sería a instalación de semáforos nos pasos que actualmente non dispoñen dos mesmos (pasos de peóns na praza do Centenario) e que producen atascos na cidade”.

23.- “Tratándose do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) consideramos que debemos facer unha proposta ao pulmón de natureza desta cidade que é o Parque Periurbano de San Roque no cal propoñemos unha actuación completa de accesibilidade ao parque que permita acceder de forma axeitada para toda a poboación e que sexa complementada coa debida sinalización para coñecemento dos veciños e veciñas así como dos visitantes que veñan á nosa cidade”.

24.- “Estudo, en colaboración cos servizos implicados, e posterior mellora do estado de accesos problemáticos para os medios de urxencias sanitarias, extinción de incendios e salvamento para tratar de dar solución a determinadas zonas como poden ser o acceso na avenida do Malecón, cruces estreitos con vehículos estacionados, mobiliario urbano, bolardos e sinais verticais de tráfico que impiden o acceso no caso de emerxencias”.

25.- “Tal e como propón o propio PMUS o transporte colectivo debe ser un medio para mellorar a mobilidade no concello fronte á mobilidade individual con vehículo propio polo que é necesario esixir á actual concesionaria do transporte en autobús que deseñe liñas quizá menos atractivas economicamente pero necesarias igualmente para a veciñanza pola súa ausencia no servizo público actual. Por exemplo é necesario crear a liña Ri- beira – Xarás – Gude – Goda – Casal Novo – Praia do Vilar – Vilar – Ribeira. Outra liña tamén importante debería cubrir zonas de Oleiros, como Balteiro, que carecen da mesma”.

26.- “Solicitude documentada, por parte da Corporación Municipal e en colaboración dos demais concellos da península do Barbanza, nos Rexistros da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia e no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, da necesidade de creación do proxecto de creación dunha liña de ferrocarril electrificada que conecte, mediante rede rexional de transporte ferroviario, o Barbanza coa liña férrea do resto da Comunidade Galega”.

Outros artigos

“Adeus compañeira” – Fernando Sarasketa

No mediodía deste domingo 18 de maio miña nai, Mercedes Sarasquete Alonso (Cheché), finalmente cruzou a porta. Con 93 anos e xa con graves problemas cognitivos e de mobilidade un (eu) tenta prepararse para o inevitábel, e ter sempre presente que cada día podía ser o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pedro Sánchez e Israel”. José Antonio Constenla

“Pedro Sánchez e Israel”. José Antonio Constenla

Lo último de Pedro Sánchez, convertido en agente propagandístico de Hamas,es tachar a Israel de “Estado genocida”. Más allá del estruendo mediático, lopreocupante no es tanto la acusación en sí, sino lo que representa, porque esun gesto diplomático de enorme calado,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.