
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, participaron hoxe na clausura da terceira edición do Programa Integrado de Emprego no curso 2025-2026, que impulsou o Concello ribeirense e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
Segundo informaron, este mecanismo de empregabilidade contou con máis dun cento de persoas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e O Porto do Son que, durante doce meses, recibiron orientación, formación e intermediación laboral.

Sampedro destacou que “se superou o compromiso de inserción laboral marcado no 45%, ao achegarse ao 50%”. A rexedora tamén puxo o foco “na heteroxeneidade das materias impartidas que posibilitou ás persoas participantes coñecer cal é o camiño profesional que queredes emprender e tamén empresas da contorna que precisan perfís profesionais con coñecementos como os que puidestes adquirir neste programa ou, por que non, aventurarse a emprender nalgún ámbito se detectastes a existencia de nicho de mercado”.

Lembrou que un total de 126 persoas pasaron polo PIE, das que 98 realizaron, polo menos, tres accións formativas ao longo do curso como, por exemplo, cociña colectiva, ofimática, mobilización de enfermos, operacións de caixa e organización de almacén, manexo de carretillas ou selvicultura, entre outros moitos.

Así mesmo, implicáronse no desenvolvemento doutas habilidades como, por exemplo, o uso das novas tecnoloxías para atopar un posto de traballo mediante aplicación de busca de emprego, o rexistro en portais de emprego ou unha aproximación ás redes sociais profesionais.
Finalmente, a mandataria local indicou que “para nós, neste Concello, o emprego é unha prioridade e, de feito, xa estamos traballando para a cuarta edición deste programa, á espera de que nos comuniquen se nos outorgan a subvención”, anunciou, ao tempo que tivo palabras para enxalzar os logros do Obradoiro de Emprego Tahume, que vai pola súa XI edición e que executan conxuntamente Ribeira e O Porto do Son. Tahume, recordou, destínase a unha vintena de veciños e veciñas de ámbolos concellos e que se centra na formación nos oficios de forestal e de carpintaría.



