
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañou no día de hoxe a unha delegación procedente de Angola durante a súa visita á localidade que arrancou na Escola Oficial Náutico-Pesqueira para coñecer o modelo pesqueiro galego, con especial énfase na pesca tradicional. Sampedro destacou a “vital importancia que ten o mar para toda Galicia e, por suposto, para Ribeira como localidade costeira e por ser o principal porto de baixura de toda Europa”. Neste senso, a rexedora salientou a importancia que ten o medio marítimo para a economía local pola cantidade de postos de traballo que xera de maneira directa e indirecta; “unha transcendencia con impacto tamén a nivel cultural, social e mesmo urbanístico”.
A rexedora tamén quixo facer referencia aos retos aos que se enfronta este sector, entre eles, a falta de remuda xeracional e puxo o foco na formación impartida en centros como o xa referido como unha das fórmulas para superar ese desafío e acadar a profesionalización do sector.
A primeira edil tamén compartiu perspectivas sobre os modelos pesqueiros existentes en Galicia e Angola, “máxime cando este último país conta con moita industria española vencellada ao mar”, sinalou, lembrando que a visita “supón un orgullo que Ribeira sexa exemplo de traballo serio e respectuoso e que dende aquí se leve a cabo esta iniciativa de transferencia de coñecemento”. O percorrido por Ribeira continuou cunha visita á Confraría de Pescadores de Ribeira, á lonxa e ao porto.




