Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixar
de ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitan
telexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Din
que non poden soportar esta demasiada realidade de crispación, de enfrontarse a
peores novas a cada volta: cambio climático, ameazas da intelixencia artificial, riscos
bélicos e económicos. Son exemplos dunha mesma cousa, ameazas presentes a diario
que non teñen nin claridade nin desenlace.
Quizais o que nos pasa é que estamos inmersos nunha historia á que non lle atopamos
nin sentido nin final. Ninguén nos pode dar aquilo que se lle pide a calquera relato,
que é saber cara a onde vai a historia, porque tampouco o sabe quen nolo conta. Non
hai aí oficio xornalístico que falle: é que a suma de novas actuais e esta intuición xeral
de fin de época provoca que todos teñamos a sospeita de que algo se está a xestar,
pero aínda non ten forma.
Fronte a isto, unha novela ou un cuarteto de violín posúen a rara propiedade de ter
principio e fin. Por dura que sexa unha narración, hai un pacto explícito, o de que
mentres nos mergullamos nesa obra estamos a suspender o mundo e a tomar como
nosa a realidade de quen a creou.
De aí que tanto teña a escolla. Uns van a cousas magoantes, unha novela como Crime
e castigo, ou os sufrimentos de Hamlet; outros prefiren lecturas lixeiras, e non hai
contradición nisto. Os gregos representaban traxedias e comedias durante as mesmas
festas e para o mesmo público, e a ninguén se lle ocorría que unha fose seria e a outra
unha escapada criticable. O que temos en calquera peza de arte é un anaco de tempo
con principio e fin: vinte e dous minutos, dúas horas, catrocentas páxinas. Un tempo
que ten forma, e durante o cal non se nos esixe nada máis —e nada menos— que a
nosa atención.
E aquí está, coido, a diferenza que máis pesa. Diante dunha obra somos lectores, e un
lector mira desde o exterior unha historia que xa está rematada, e pode pechar o libro
cando queira. Podemos ler a terrible descrición da peste de Atenas que fai o romano
Lucrecio, quen buscaba coa súa obra curar do medo á morte, ollar a dor de fite en fite,
e saír dela coa explicación do autor, e ao tempo, cunha interpretación nosa. Pero
diante da actualidade non somos lectores: somos personaxes. Ninguén nos deixa
adiantar páxinas e ler os fragmentos aínda non escritos.
Dirase que é inevitable, que o presente sempre trae consigo o desconcerto, pero non
podo deixar de pensar que esas actitudes que buscan algún tipo de refuxio apuntan a
algo moi distinto. As incertezas presentes conviven cunha sensación máis difícil de
sobrelevar no día a día: a indefensión. Nunha sociedade onde os medos se afrontan
cada vez máis desde o individuo e non desde a comunidade, estamos máis sós ca
nunca. E poucas soidades se soportan tan ben, en cambio, como a escollida ante unha
obra de arte.
Así que non podo reprocharlles nada a estes amigos meus que apagaron a televisión
ou cambiaron de emisora. Non están superados polo mundo: están dentro del, que é
moi distinto, e inseguros por demasiado tempo. Ninguén aguanta indefinidamente sen
algo que logre darlle un mínimo de control e de remate. Velaí a arte.



