Interceptado en Ribeira un motorista bébedo, drogado, co carné retirado e sen seguro nin ITV

Un motorista enfróntase a un delito contra a seguridade viaria e ata a cinco propostas de sanción por distintas infraccións de tráfico despois de ser interceptado pola Garda Civil cando realizaba perigosos adiantamentos a outros vehículos “nunha zona de trazado sinuoso na cal está prohibido este tipo de manobra e invadindo o carril contrario” da estrada costeira que une o núcleo urbano de Santa Uxía de Ribeira coas parroquias de Castiñeiras e Aguiño.

Segundo informa o Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela, que investiga ao condutor desta motocicleta como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, os feitos ocorreron cando “unha patrulla da mencionada Unidade, que se atopaba realizando labores de control de tráfico na estrada DP7307 no termo municipal de Ribeira, detectou ao condutor dunha motocicleta realizando eses perigosos adiantamentos, procedendo a interceptar a esta persoa, xa que significaba un risco para a integridade propia e do resto de usuarios da vía”

Aínda que, lonxe de ser esa a única infracción que estaba a cometer, supostamente, o citado motorista, cando procederon a identificar tanto o condutor como a documentación do vehículo, comezaron a amontoarse as infraccións que estaba a cometer o devandito.

UNHA LONGA LISTA DE INFRACCIÓNS CONTRA A SEGURIDADE NO TRÁFICO

A primeira delas, segundo a Garda Civil, “constatar, unha vez identificado, que lle constaba unha suspensión cautelar do permiso de conducir por Orde Xudicial, así como que o vehículo no que circulaba carecía do pertinente seguro obrigatorio e tiña caducada a Inspección Técnica (ITV) do mesmo”.

Ademais, e ao proceder a realizar as probas do alcoholemia e drogas, “lanzou un valor de 0,39 mg/ l en aire expirado na primeira e de 0,34 mg/ l na segunda e de detección de presenza de substancias estupefacientes no organismo, lanzando valores positivos en varias substancias, polo que se lle realizou unha segunda proba para o seu envío ao laboratorio de referencia”.