Unanimidade na Corporación de Rianxo a prol do sector mexilloeiro

15 Xaneiro 2022

O pleno da Corporación de Rianxo aprobou esta semana, por unanimidade, unha declaración en apoio do sector mexilloeiro pedindo a retirada do decreto 153/2019 e en concreto do seu punto 13.2, no que, co gallo de tentar regular a extracción dos recursos marisqueiros, “prohíbese ao sector do mexillón realizar os seus labores básicos de fornecer de mexilla ás bateas”, segundo se plasma na dita declaración. Nesta, elaborada xunto co devandito sector, un dos grandes puntais económicos e sociais de Rianxo, avógase abrir liñas directas de diálogo desde a Consellería do Mar recuperando este dereito. Ao remate do pleno os partidos da Corporación xuntáronse con diferentes asociacións de mexilloeiros cos que se coincidiu “na gravidade deste momento” e dun decreto que “pon en perigo a seguinte campaña”, engadiuse.

Exposición de motivos

Na declaración explícase que no “decorrer das últimas campañas de recolección de mexilla, materia prima indispensábel e insubstituíbel para obter o mexillón adulto destinado a alimentación da poboación, asistimos a accións claramente encamiñadas a restrinxir, cada día máis, as zonas idóneas e accesíbeis onde os titulares das bateas poden obter, co seu arduo e perigoso traballo, a cría de mexillón que servirá de base para a respectiva campaña”.

Amais, no documento asinado por todos os grupos recálcase “o desexo unánime deste sector de deixar inequivocamente fóra de esta declaración consideracións persoais, políticas e/ou burocráticas pois, estamos fronte a un problema que pode representar unha sentencia de inoperabilidade e insostenibilidade de todo o sector pola aprobación de normas que, no noso entender aprobáronse de costas aos máis prexudicados e sen ponderar adecuadamente o dano económico e social que se pode causar a todo un sector que produce mexillón de óptima calidade nas máis de 3.000 bateas existentes en Galicia”.

Lémbrase tamén que “cando un bateeiro precisa colleitar mexilla para a súa batea, é exclusivamente ese o traballo que vai realizar nas rochas, e non ten ningún interese, como se pretende transmitir á cidadanía desde núcleos interesados, en extraer e destruír outros recursos naturais, e incluso o propio medio do que dependen para a súa subsistencia”.

Respecto dos conflitos con outros sectores que este decreto pretenda resolver, faise saber que “entendemos que poida resultar apetecíbel para o sector percebeiro o feito de poder engadir á súa cesta de produtos dispoñíbel a mexilla a cal, pasaría a ser da súa propiedade tendo en conta que aos mexilloeiros non se lles permitiría traballar nas zonas que eles si terían accesíbeis, pero, é que historicamente falando, a mexilla é dos mexilloeiros, así como o percebe e dos percebeiros e ningunha empresa, e menos ningún sector económico no seu conxunto pode permitir que a súa subsistencia e viabilidade se encontre en mans de terceiros alleos, cuxo único fin sería vender o produto ao mellor ofertante, sen mais consideracións de ningún tipo”.

Por todo o exposto, os grupos políticos da Corporación de Rianxo e o Sector Mexilloeiro de Rianxo aprobaron a seguinte declaración:

1. “Pedir a retirada por parte da consellería do Mar da normativa recentemente aprobada, especificamente o Artigo 13.2 do Decreto polo cal se regula o Réxime de Conservación e Explotación dos recursos marisqueiros e das Algas por consideralo letal para o sector mexilloeiro”.

2. “Solicitar que, unha vez sexa atendido o contido do punto anterior, a Consellería do Mar da Xunta de Galicia convoque aos interlocutores válidos do sector mexilloeiro para analizar a situación creada por mor dos cambios realizados na normativa de extracción de mexilla e tentar crear, entre todos, un punto de encontro respectuoso e sustentábel para garantir con xustiza e equidade a viabilidade dos intereses de tódolos afectados”.

Outros artigos

Persoa trasladada logo dun incendio nunha cociña en Rianxo

Unha persoa foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago tras un lume que queimou a campá extractora e os mobles da cociña dun piso na rúa de Xosé María Brea Segade, en Rianxo. Foi a Policía Local a que informou ao 112 Galicia do incendio dez minutos despois das 5...

+

O Club Náutico de Rianxo achega en agosto un curso de vela lixeira

O Club Náutico de Rianxo acolle, do 3 ao 7 de agosto, un curso de iniciación á vela lixeira co que colabora o Concello de Rianxo. Pola esquerda, o presidente da Federación Galega de Vela (Manuel Villaverde), o rexedor Julián Bustelo e o vicecomodoro do Club Náutico de...

+

Conta atrás en Rianxo para o inicio da Feira do Libro

Este xoves 23 pola mañá abrirá a Feira do Libro de Rianxo co pregón de Anxo Angueira, escritor veciño de Manselle (Dodro) e presidente da Fundación Rosalía de Castro, autor de obras capitais da literatura galega como Pensa Nao, Premio Xerais de Novela en 1999. Ata o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.