En Ribeira o Goberno local dotará de saneamento ao lugar de Cucheriza, en Olveira

O Concello de Ribeira informa da licitación dunha nova actuación dirixida a dotar de saneamento municipal aos veciños do lugar da Cucheriza, situado na parroquia de Olveira. A iniciativa comporta un investimento de 102.006,33 euros, IVE incluído.

Para alcanzar o obxecto vaise colocar un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro e 956 metros de lonxitude dende a estrada DP-7103, dispoñendo pozos de rexistro cada 40 metros. A infraestrutura conectará coa rede xeral que vai de Artes a Corrubedo.

A actuación está incluída no POS+2021 e ten un prazo de execución de tres meses.

As empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen ata o 14 de febreiro á medianoite a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).