Case 40 establecementos de Ribeira participaron na campaña solidaria coa illa de La Palma impulsada pola patronal

A Asociación de Empresarios de Ribeira vén de facer balance da actividade solidaria xerada pola súa campaña a prol das persoas e as empresas damnificadas pola erupción do volcán da Palma, que comezou hai dous meses e medio provocando innumerábeis perdas materiais para a veciñanza e o tecido económico da illa, especialmente nas localidades máis próximas ás coadas. Finalmente, a campaña da patronal ribeirense (Ribeira solidaria coa Palma) foi un rotundo éxito, tanto polo número de participantes (38 establecementos) como pola cantidade recadada: 1.800 euros destinados a Caritas a Palma.

A asociación que preside Francisco Martínez Gude quixo mostrar publicamente o seu agradecemento pola importante colaboración do comercio local e da cidadanía na dita iniciativa, así como pola implicación dos establecementos participantes na Campaña de Nadal, establecementos que traballaron arreo para engalanarse cos principais elementos da campaña impulsada pola patronal: por unha banda o identificativo do boneco de neve e a moqueta e, pola outra, unha serie de elementos homoxéneos (grilandas, motivos decorativos de Nadal) que “dan unha destacada imaxe de unidade e animan e adornan as nosas rúas, favorecendo o espírito de Nadal e as compras nestas datas”, salientou a asociación.

A entidade de empresarios, comerciantes e persoas autónomas tamén informou de que a solicitude ao Concello para favorecer o uso do estacionamento do Centenario nestas datas deu finalmente os seus froitos: o céntrico parking abrirá os sábados á tarde en decembro para favorecer as compras nestas datas. Os establecementos participantes nesta campaña obsequiarán aos seus clientes con tíckets de estacionamento de media hora.