O Concello de Ribeira atenderá as demandas da pesca deportiva permitindo ampliar os lugares onde poder desenvolvela

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, mantivo unha venres 12 unha xuntanza de traballo coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e máis coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas. O obxectivo da reunión foi abordar unha serie de asuntos que revisten competencia municipal. Por exemplo o estado dos trámites de desafectación da fachada marítima da cidade de Santa Uxía, un punto este, sinalaron, no que as negociacións están moi avanzadas.

De feito, segundo fixo saber o rexedor, xa existe na actualidade unha proposta de desafectación que, “aínda que non se corresponde ao cen por cen coa solicitude inicial do Concello formulada logo da súa aprobación plenaria en maio de 2021, resultaría satisfactoria para os intereses municipais e debería ser ratificada polo Consello de Portos”.

Outra das cuestións tratadas foi a conveniencia de crear máis puntos de conexión de auga e electricidade para as flotas de cerco e arrastre (tal e como xa se fixo para a frota artesanal), ou os plans para a renovación de elementos de seguridade (como varandas e pasamáns) en 69 portos do litoral galego, entre eles os de Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras, A Ameixida, Ribeira e Palmeira.

Na xuntanza tamén se abordaron as reivindicacións dos pescadores deportivos do municipio, que queren que se lles permita seguir levando a súa actividade de lecer nas contornas portuarias. Respecto desta cuestión, o alcalde informou de que a Administración local está a piques de asinar un convenio de colaboración en virtude do cal “ampliaríanse os lugares onde poder practicar a pesca de recreo, mediante o compromiso por parte do Executivo ribeirense de asumir maior control e vixilancia”.

Por último, dende as instancias autonómicas comprometéronse a licitar o proxecto de remodelación da zona portuaria de Palmeira e o seu paseo marítimo dentro deste mesmo ano 2021.