En Ribeira comezan os traballos para instalar dous centros de compostaxe comunitaria

O Concello de Ribeira iniciou as obras para a creación de dous centros de compostaxe comunitaria na contorna do casco urbano da cidade. Operarios da empresa adxudicataria (Vermican Soluciones de Compostaje) principiaron os traballos para a implantación da que sería, en palabras do Concello, “unha primeira instalación na zona do Fontán, próxima ao emprazamento da nova comisaría e do futuro punto de encontro familiar do Barbanza”. Ademais, haberá un segundo centro que se situará no barrio de Abesadas.

O obxecto das infraestruturas é poñelas a disposición dos domicilios, comercios do sector da alimentación e locais hostaleiros situados nun radio aproximado de 500 metros que se adhiran a este proxecto para a recepción e tratamento dos seus refugallos orgánicos. Asemade, a finalidade é empregar restos de rozas, podas e céspede tanto das hortas e xardíns de propiedades particulares (vivenda individual ou colectiva con zonas verdes) como os procedentes dos parques e xardíns municipais coa fin de ser utilizados como material estruturante.

O Concello explica que cada punto de compostaxe comprenderá 5 unidades modulares para a recepción de refugallos orgánicos, un contedor de 3 metros cúbicos para restos de biomasa procedentes de parques e xardíns, unha caseta para almacenamento de apeiros, un arcón para almacenamento de material estruturante triturado e un punto de auga para rega e recollida de augas (coas súas respectivas conexións aos servizos públicos de abastecemento e saneamento).

O Centro de Compostaxe Comunitario ocupará unha superficie de 4 m por 8m cerrado mediante valado. Tamén se prevé a dotación dunha biotrituradora que será compartida polos dous Centros de Compostaxe Comunitario

85 composteiros individuais

Esta iniciativa, que foi adxudicada por un total de 53.240 euros e contou cunha achega da Consellería de Medio Ambiente, tamén inclúe o próximo reparto e implantación de 85 composteiros individuais en vivendas, tanto do núcleo urbano como das parroquias, que dispoñan de terreo para a súa instalación.