A Xunta aproba de xeito definitivo a modificación do plan xeral que posibilitará a materialización do novo polígono de Ribeira

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) vén de notificar ao Concello de Ribeira a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral Municipal do Concello de Ribeira denominado “Solo Urbanizable Industrial”. Con esta notificación, explica o Concello, “conclúe de xeito satisfactorio unha longa tramitación que incluíu unha vintena de informes (o primeiro deles data de xaneiro de 2018) procedentes de distintos organismos das administracións estatal, galega, provincial e local, período de exposición pública, consultas, declaración ambiental estratéxica, etcétera”.

Esta modificación, engaden fontes do Goberno ribeirense máis en detalle, “supón dar luz verde definitiva á creación do novo polígono industrial na zona coñecida como Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira, que contará cunha superficie de 258.685 metros cadrados”.

O Concello tamén lembra que por unha contía global de 249.260 euros repartidos en tres lotes vén de sacar a licitación a redacción dunha serie de proxectos para avanzar na materialización desta área: os proxectos de urbanización e os servizos de arqueoloxía (en ambos casos as ofertas xa están clasificadas e requiriuse as empresas pertinentes a correspondente documentación antes de proceder, se é o caso, á súa adxudicación definitiva) e o proxecto de urbanización, no que se produciu unha baixa temeraria dándose un prazo para a súa xustificación.

Por outra parte, o orzamento deste ano (que entrou en vigor a semana pasada) contén diversas consignacións sobre o novo polígono. Entre elas, 1,2 millóns para a expropiación de terreos e 7.992.648,32 euros para a súa urbanización.