Os orzamentos da Xunta son beneficiosos para as necesidades de Ribeira a xuízo do Goberno local

Unha vez analizados os Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022, o Goberno de Concello considera que resultan sumamente beneficiosos para Ribeira e para as súas parroquias, posto que as súas achegas dan resposta con diversas partidas á arquitectura de necesidades que demanda este municipio.

Cómpre valorar satisfatoriamente as contías destinadas a atender demandas como a ampliación do Hospital da Barbanza, a construción dunha nova Residencia de Maiores, o módulo cuberto de atletismo e deportes de combate, a variante ou o remodelación do entorno portuario de Palmeira, que se suman a outras infraestruturas autonómicas en distintas fases de execución ou tramitación como o Punto de Encontro Familiar (será inaugurado no 2022) ou o proxecto de humanización da AC-305 ao seu paso por Palmeira segundo o deseño da Fundación RIA. Tamén se espera que no plan galego de infraestutruras se plasme outro compromiso como é o novo centro de saúde de Ribeira.

Auga do Ulla
Unha intervención que aínda que non situada dentro do noso termo municipal resulta moi importante para Ribeira é a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do río Ulla, pois permitirá poñer remedio aos problemas de subministro ou presión de auga que ocasionalmente se producen nos veráns.