Comeza en Boiro o obradoiro dual de emprego Torre Goiáns

O Concello de Boiro informou do inicio do obradoiro de emprego denominado Torre Goiáns, unha actividade formativo-laboral (dual) que se desenvolve ao longo do curso presente e que se centra no ámbito da xestión forestal.

A presentación do curso, no que participan un total de 20 alumnos/as, celebrouse na mañá deste 15 de outubro no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira e contou coa presenza do concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus; e o concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz.

A formación está dividida en dúas modalidades, con 10 alumnos/as cada unha. Unha delas é de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e a outra de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

O obradoiro vaise impartir entre os meses de outubro de 2021 e xullo de 2022 e o alumnado contará cun contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo, de 40 horas semanais, durante 9 meses, en horario de 7.30 a 15.30 horas.

“Este obradoiro é unha oportunidade laboral e formativa moi boa, para aprender destrezas e habilidades e lograr unha oportunidade laboral no sector“, afirmou o concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz. A parte práctica da formación vaise realizar en espazos naturais do municipio como a contorna do Pazo de Goiáns ou Neixón. O concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, animou ao alumnado que participa neste obradoiro que “é un impulso nun sector laboral con moita saída tanto para traballar en outras empresas como para emprender”.

O Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns – Boiro conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, ao abeiro das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.