Cumpriuse a previsión que faciamos a última hora do martes: Pablo Costas Villar, o capitán do pesqueiro somalí Cobija, non abandonou o Iemen o mércores, data fixada para emprender o seu regreso a Galicia, O mesmo mércores, trasladóuse -ou trasladárono- á cidade de Seywun, situada a 278 quilómetros de Al Mukalla, porto este no que permanece o buque que estivo ao seu mando e o resto da tripulación do mesmo, uns a bordo do Cobija e outros aloxados en hoteis da zona.
A intención do Ministerio de Asuntos Exteriores era que o mércores, 1 de setembro, o capitán Costas deixara o hotel ao que se trasladara a pasada fin de semana. Pero, finalmente, e por unha simple cuestión de seguridade, os responsables consulares españois optaron polo traslado a outra cidade -como queda dito a de Seywun, cuxo aeroporto ten conexión co da capital exipcia, O Cairo. Este voo do día 2 de setembro, tiña prevista a súa saída cara á capital exipcia ás 10,30, hora local.
O máis probable é que Pablo Costas permaneza polo menos 24 horas no Cairo. Esta debe ser, ao menos, a programación deseñada polo Ministerio español de Asuntos Exteriores, que lle reservou unha habitación nun hotel cairota. Polo tanto, entre o venres e o sábado, o mariñeiro de Bueu estará na súa vila de residencia, na provincia de Pontevedra, xunto coa súa familia. En Bueu tentará superar os efectos pouco agradables de tantos meses alonxado, por unhas ou outras circunstancias, dos seus, ao tempo que poderá saber que proxectos ten para el o Goberno español, sobre todo se vai entrar ou non na dinámica de coñecer da denuncia por pesca ilegal que as autoridades australianas tramitaran no Iemen e os pasos dados pola xustiza iemení para o recurso presentado contra unha sentenza, asimesmo da Xustiza iemení, que castigara a Costas Villar a permanecer retido no barco por un período de tres meses (e no que permaneceu por espazo de case que un ano).
A Pablo Costas aplicáronselle controis anticoronavirus en Seywun. Supostamente tamén no Cairo, o mesmo que se vai facer en Madrid cando chegue ao aeroporto Adolfo Suárez da capital española. De aquí emprenderá viaxe cara a Galicia. Supostamente a Vigo, aínda que non se desbota a posibilidade de que voe a Santiago de Compostela.
