Abre o prazo para que os centros educativos se inscriban no programa O Parque Nacional coa Escola

07 Novembro 2026

A Consellería de Medio Ambiente abriu o prazo para que os centros educativos interesados se inscriban no programa de educación ambiental O Parque Nacional coa Escola, unha iniciativa para achegar á comunidade escolar os valores e a riqueza dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural, formado por Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O programa está destinado ao alumnado e profesorado pertencente aos concellos da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas: Bueu, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Vigo.

A iniciativa inclúe diferentes actividades didácticas e charlas (xogos, conta contos, presentacións audiovisuais…) adaptadas aos distintos niveis educativos e idades, xa que cómpre lembrar que está aberto á participación de colexios de Educación Infantil, Primaria, ESO, Formación Profesional e Bacharelato.

As actividades programadas -que se poderán solicitar ata o próximo 15 de marzo de 2027- desenvolveranse tanto no Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo como nos propios colexios, no caso de que así o soliciten desde os propios centros inscritos.

Así mesmo, as aulas poden optar tamén a participar no concurso O Parque Nacional coa Escola para o cal deberán presentar diferentes traballos relacionados cos valores naturais e culturais dos catro arquipélagos. Os colexios gañadores visitarán as illas na primavera e realizarán unha ruta interpretativa da man dos guías do Parque Nacional.

Desde a posta en marcha da iniciativa no ano 2017, veñen implicándose na mesma unha media de 50 centros educativos e uns 2.000 alumnos por curso, polo que xa son máis de 26.000 os escolares participantes ata o de agora.

A dirección do Parque Nacional xa vén traballando directamente cos centros educativos da contorna mediante outras fórmulas didácticas desde 2004, polo que se estima que desde o inicio deste tipo de iniciativas o número de participantes total supera os 40.000 nenos e nenas.

No que respecta á valoración do programa, por parte dos docentes foi sempre “moi positiva”, destacando o acerto na adaptación para cada nivel tanto das metodoloxías aplicadas como das dinámicas realizadas co alumnado, segundo informou a Consellería, engadindo que “á marxe da iniciativa, tamén se convida a todos os centros da contorna que realicen proxectos educativos relacionados coas Illas Atlánticas, os espazos protexidos ou o mar a poñerse en contacto co equipo de guías do Parque Nacional para estudar posibles formas de colaboración, ben sexa a través de charlas, rutas ou actividades no propio colexio, no Centro de Visitantes ou nas illas”. O formulario para solicitar este tipo de colaboración pode descargarse da páxina web das Illas Atlánticas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.