O BNG emenda a totalidade dos orzamentos de Ribeira para que se inclúan, din, necesidades urxentes

16 Setembro 2021

O grupo municipal do BNG anunciou hoxe que a formación nacionalista dá un paso adiante para mellorar o proxecto de Orzamentos 2021 para Ribeira, mediante a presentación dunha emenda á totalidade. Na emenda solicitan a devolución do proxecto de Orzamentos de 2021 para consensuar unhas novas contas cos grupos da Corporación onde tamén teñan voz as asociacións e colectivos do municipio. Os nacionalistas aseguran que o alcalde desprezou calquera diálogo co BNG.

O voceiro, Xosé Vázquez Cobas, desmentiu a propaganda e o que calificou de mentiras de Ruiz Rivas, asegurando que son uns orzamentos fake que xeran desconfianza. “Por moito que se tente vender os orzamentos como históricos, o histórico é o beneplácito do PSOE a unhas contas feitas á medida do PP que fomentan a privatización e os recortes nos servizos públicos”.

O BNG recrimina que a inoperancia do PP provocou unha ridícula execución do Orzamento 2020, posto que tan só se gastaron 1 de cada 2 euros nun ano no que o gasto público puido ter contribuído a reactivar a economía en plena pandemia.

Os Orzamentos 2021 chegan 8 meses e medio máis tarde do que marca a lexislación e non responden, din, ás demandas sociais porque prevén gastar cartos en crear o cuarto museo do Mar da Barbanza -xa o ten Rianxo, Noia e Porto do Son- no  canto de habilitar axudas para as familias con necesidades, potenciar o comercio, reducir o tarifazo do recibo da auga e do saneamento, habilitar estacionamentos ou fomentar o transporte público.

O Bloque cre que son uns orzamentos en contra dos ribeirenses porque consolidan a subida de impostos en especial a desorbitada subida da auga e saneamento co tarifazo de 72€/ano pero tamén consolida privatizacións de servizos como a escola infantil, a xestión da auga e das depuradoras ou do aparcadoiro do Centenario. Todo isto súmase aos recortes en Sanidade e Educación aplicados pola Xunta.

A emenda á totalidade do BNG pretende ser unha alternativa orzamentaria ao proxecto da coalición PP-PSOE, con 5 grandes liñas: taxa de saneamento, tráfico e aparcadoiros, zonas verdes, atención ás parroquias e servizos públicos.

Logo d o que considera escandalosa suba da taxa de saneamento, o BNG considera unha prioridade rebaixar esta taxa con cargo aos Orzamentos 2021 para evitar prexudicar as economías familiares. En materia de tráfico e aparcadoiros, Pérez Barral detallou que o BNG propón facer un estudo para desenvolver a circunvalación pola estrada de Xarás a Frións, o rescate do aparcadoiro do Centenario para ter unha xestión pública que garanta uns prezos baixos, mellora da iluminación, firme e seguridade dos aparcadoiros disuasorios e un plan de mellora do tráfico e fomento do transporte público e subvencionar o transporte público do estudantado de FP e Universidade. Tamén propoñen destinar 100.000€ para mellorar a seguridade e iluminación dos pasos de peóns.

Os nacionalistas propoñen aumentar os investimentos nas parroquias, garantir a conexión á internet, destinar 300.000€ a maiores na partida dedicada a mantemento, incrementar as zonas verdes e consignar fondos para cubrir dous parques infantís. En materia urbanística propoñen fomentar a rehabilitación de vivendas e habilitar subvencións para a instalación de enerxías renovábeis en vivendas particulares e pequenas empresas que permitan aforrar electricidade.

Para potenciar a economía propoñen subscribir un convenio de 30.000 euros coa Asociación de Empresarios de Ribeira mediante o que xerar emprego e dinamizar o comercio local, subir as achegas que se fan a asociacións sociais como AMBAR, AMICOS, A CREBA, FAIBEN, RENACER ou a Festa da Dorna. Tamén propoñen a subida dun 33% para asociacións culturais e un 34% para clubs e entidades deportivas.

Por último, para reforzar os servizos e empregos públicos, o BNG inclúe a contratación de 10 policías locais que aumenten a seguridade, reforzar a brigada de obras e mantementos de infraestruturas con 4 persoas e pasar a xornada completa a todo o profesorado do conservatorio de música.

O proxecto de Orzamentos 2021 para Ribeira debería conter, ademais, cando menos as seguintes propostas que fan desde o BNG:

Servizos públicos básicos

  • Habilitar partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento para establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo aplicado polo Partido Popular.
  • Designar unha persoa responsábel encargada para reforzar os mantementos e garantir o bo estado das infraestruturas.
  • Designar unha partida orzamentaria dun mínimo de 150.000 euros por cada parroquia cuxo destino sexa decidido por participación veciñal.

Reforzo do persoal público

  • Contratación dun mínimo de 10 policías locais cos que achegarse á proporción que marca a lexislación.
  • Aumento da dotación orzamentaria para crear catro novas prazas na brigada destinada ao mantemento de infraestruturas e equipamentos públicos.
  • Aumento da partida orzamentaria para pasar da xornada parcial á xornada completa para todo o profesorado do Conservatorio profesional de música ‘Enrique Paisal’.

Zonas verdes e parques

  • Aumento dun 90% dos fondos consignados para a posta en marcha dun plan para reverdecer Ribeira.
  • Habilitación dunha partida orzamentaria para a realización dunha cuberta en alomenos dous parques infantís do municipio.

Mantemento e urbanismo

  • Incremento en 300.000 euros da partida destinada ao mantemento de parques, paseos, beirarrúas e mobiliario urbano.
  • Incremento dun 80% da partida destinada para a constitución da ARI e promoción da rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral.

Tráfico e aparcadoiros

  • Plan de mellora do tráfico rodado e fomento do transporte público.
  • Creación dunha partida duns 100.000€ para mellorar a iluminación e a seguridade nos pasos de peóns máis transitados do municipio.
  • Creación dunha partida orzamentaria para mellorar o firme, iluminación e seguridade dos aparcadoiros públicos disuasorios.
  • Creación dunha partida orzamentaria para rescatar o aparcadoiro do Centenario, garantindo a súa xestión pública e poñendo uns prezos asequíbeis.
  • Habilitar partida orzamentaria para desenvolver o estudo técnico de conversión da CP-7301 nunha estrada de circunvalación.
  • Habilitar partida orzamentaria para cofinanciar o transporte do estudantado universitario e de formación profesional que curse ensinanzas oficiais que non se impartan en Ribeira.

Cultura e deporte

  • Incremento do 33% das subvencións para asociacións culturais sen fins de lucro.
  • Incremento do 34% das subvencións a clubs e entidades deportivas para chegar á cantidade de 120.000 euros.

Subvencións

  • Subscrición dun convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Ribeira por importe de 30.000 euros coa que facilitar o financiamento das súas actividades.
  • Incremento dun 47% a contía destinada á Festa da Dorna pasando de 17.000 ao entorno dos 25.000 euros.
  • Incremento de cadanseus 2.000 euros á contía destinada ás asociacións AMBAR, AMICOS, A CREBA, FAIBEN e RENACER.
  • Creación dunha liña de subvencións para o fomento das enerxías renovábeis destinada a particulares residentes na localidade e a pequenas e medianas empresas con sede en Ribeira.
  • Habilitar nas Bases de execución do orzamento a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% da contía das subvencións concedidas.

Redución de gastos superfluos

  • Eliminación dos fondos consignados para a creación do Museo do Mar por non ser unha prioridade neste momento.
  • Redución dos fondos consignados a “protocolo, publicidade e propaganda de órganos de goberno”.

Por todo o anteriormente exposto e en base a:  

  • Lei reguladora de facendas locais.
  • Real Decreto 500/1990 polo que se desenvolve o capítulo primeiro do título sexto da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, en materia de orzamentos.
  • Regulamento orgánico municipal do Concello de Ribeira.


O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribeira presenta esta emenda á totalidade do Orzamento 2021 e solicita a devolución do Orzamentos 2021 para que elabore unhas novas contas que inclúan as peticións arriba expostas e sexan consensuados polos grupos da Corporación Municipal e outras entidades do municipio.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...