O Concello de Ribeira informou do inicio das obras destinadas á reordenación do entorno da Aula de Música de Aguiño, unha actuación na que está sendo executada por Excavaciones Nima, S.L..

De acordo co proxecto técnico elaborado, na veciña rúa Manuel Murguía vaise crear unha área de estacionamento logo da remodelación desta contorna, “de tal xeito que a actual beirarrúa será demolida e substituída por outra pegada ao conservatorio cun ancho mínimo de dous metros”, explicou o Concello, engadindo que “a maiores desprazaranse os dous farois existentes e trasladaranse os xogos do parque infantil á parte posterior da parcela, onde se instalarán sobre un pavimento de caucho continuo”.

Ademais, a calzada de Rúa Manuel Murguía será pavimentada cunha capa de 6 centímetros de espesor de aglomerado asfáltico para eliminar as fochas e disgregacións que rexistra a vía.
Por outra parte, a fachada do conservatorio será pintada cunha pintura especial elástica, “transpirábel e impermeábel”, co fin de dar solución a problemas de humidades.
Supón un investimento de 41.612,25 euros, IVE incluído. A actuación está enmarcada na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ adicional 1/2019. O prazo de execución son dous meses.