O capitán do pesqueiro somalí Cobija, o galego Pablo Costas Villar, confirmou na cadea SER de radio que o pasado día 26 pola noite, recibiron a bordo unha pequena partida de víveres, e a visita dun médico e o seu axudante, que atenderon ao mariñeiro máis enfermo e, posteriormente, a outro grupo de tripulantes aos que chequeou e subministrou medicamentos.

Costas Villar queixóuse da falta de noticias: “Non nos din nada. Non nos dan documentos e tampouco nos din que vai pasar. Temo que dempois desta tortura de oito días sen auga e sen comida, nos dean un pouco e que nos apliquen algún tipo de chantaxe. Nós non imos colaborar en ningunha estratexia criminal que levamos padecendo once meses. Queremos que nos liberen, á tripulación e a min, inmediatamente, porque isto é un secuestro. Estamos fartos de excusas, de triquiñuelas, de argucias e ilegalidades. Estamos fartos!. Hai unha incerteza total. Seguimos a temer polas nosas vidas”.
Este sábado pola mañá, a veciñanza de Bueu ateigaba a praza da vila en solidariedade con Pablo Costas e os seus compañeiros de tripulación retidos a bordo do Cobija no porto iemení de Al Mukalla. A este acto solidario sumáronse trece sindicatos de distintas comunidades autónomas españolas e a corporación municipal de Bueu para reclamar do Goberno español “que faga todo o que está na súa man para posibilitar a inmediata repatriación de Pablo Costas Villar e a trintena de tripulantes do pesqueiro atrapado en Iemen”.
En relación á posibilidade de que Pablo Costas e a tripulación do Cobija practicaran pesca ilegal, a organización ecoloxista Sea Sepherd informa que o 5 de outubro pasado “identificou” que “o barco furtivo de pescada negra Cobija figuraba como fondeado no porto de Mukalla”, identificación realizada a través de páxina web da “Yemen Arabian Sea Port Corporation”. Un método ou sistema de identificación que ninguén ratificou ata o de agora. Refírense os medioambientalistas ao Cobija (anteriormente chamado Cape Flower) como un barco incluido na lista negra internacional por pesca ilegal, non declarada, non regulamentada INDNR da “South East Atlantic Fisheries Organization” (SEAFO) en 2017 e, dende aquela “SOSPEITA” que realizou pesca ilegal de pescada negra na área da convención CCAMLR.”
Se presume”, dí a organización citada, que “van desde a pesca ilegal ata a falsificación de documentos”, delictos que, engade, “son parte do modus operandi destes pescadores furtivos de pescada negra”, motivo polo que pide á República de Iemen que “deteña, investigue e procese ao Cobija con todo o peso da lei”, asegurando así que as autoridades iemenís envíen unha mensaxe “contundente” de que o porto de Al Mukalla “non está aberto ao crime organizado”.
As acusacións de Sea Sepherd -base ao parecer das realizadas tamén por Asutralia- non teñen a consistencia das probas. Todas elas -sen que se intente aquí quitar valor ao que din- baséanse en suposicións ou presuncións:”Se presume, sobre a base da práctica cotián doutros pescadores furtivos”, “Se cre ca embarcación, que probablemente afirmará que ten bandeira do Estado Plurinacional de Bolivia”, “..se presume que o beneficiario das actividades do Cobija ten a súa sede en Galicia”, etc., etc.
É dicir: as acusacións parten de presuncións que, talvez, poidan ser probadas nalgún momento, pero non no escrito que está nas nosas mans e que sirve á organización ecoloxista para facer unha loa ben expresiva do que foi a súa persecución do pesqueiro “Thunder” durante 110 días. Este buque, mandado por un capitán asimesmo español, fica afundido e o seu capitán e tripulantes foron rescatados do mar polo propio buque ecoloxista.Son estas probas dabondo para condenar aos tripulantes do Cobija e ao seu capitán?. Son tan consistentes estas probas como para que o Goberno español teña dúbida sobre o que debe ser a súa actuación para repatriar a un connacional?.
Todas estas dúbidas fan que, cando se escoita ao capitán do Cobija, Pablo Costas, cualificar de secuestro a súa retención no porto iemení e salientar que temen polas súas vidas, se reforce a crenza de que o primeiro que hai que facer é repatriar a este home e, con probas consistentes, facer recaer sobre él a pena que corresponda ao seu delicto. Sempre e cando este se probe, se demostre e non se “presuma” ou se “crea”.
