Os edificios do Faro de Corrubedo e a súa contorna avanzan no seu abandono (coa contribución dos visitantes)

27 Agosto 2021

O Faro de Corrubedo é estes días un motivo de preocupación para moitos veciños da localidade, que ven como o abandono ao que o teñen sometido as autoridades competentes incrementa as opcións de acceder a algúns dos edificios que integran a contorna, cuxo exterior (e tamén o interior) está en risco de converterse en escenario de botellóns e festas ilegais. A isto hai que engadir a gran cantidade de lixo e máscaras anti-COVID que unha parte (pequena pero significativa, polas pegadas que deixe) dos visitantes deixa no lugar.

Así, malia a presenza policial constante (son continuas as visitas dos axentes dos diferentes corpos), parte dos obstáculos que impedían o acceso ao edificio da sirena (valados de protección e porta principal) foron botados abaixo para facer posíbel o acceso ao interior. Este inmóbel, onde este medio de comunicación ten constatado a presenza de xente (mesmo circulando polos tellados), albergaba no seu día nove buguinas de aviso ás embarcacións, amais dunha vivenda destinada aos fareiros. O problema agrávase (amais de pola importancia histórica do complexo marítimo) polos riscos ao que se expón a xente que entra libremente no citado edificio (que ten a porta aberta como se pode apreciar na foto).

Por certo que tanto este inmóbel como os restantes están pendentes de pasar a formar parte dun proxecto turístico e hostaleiro, que, segundo puidemos saber, estase a ralentizar pola natureza dos trámites. Agardemos que se acelere o proceso e se poña fin á degradación dos inmóbeis e da contorna natural de gran importancia que os circunda.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.