O CEMMA denuncia que persisten as malas prácticas cos cetáceos. O acoso a Confi na ría de Muros, un exemplo do que non se debe facer

A plataforma CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) emitiu un comunicado no que volve poñer de manifesto que na costa galega seguen a existir malas prácticas respecto da nosa convivencia no mar cos cetáceos, malia que tamén se dean (cada vez máis) exemplos do contrario, como por exemplo o acontecido os días pasados en Taragoña, onde a providencial chamada dun camioneiro voluntario activou un dispositivo que permitiu salvar a catro golfiños. Respecto das malas prácticas, o CEMMA foi quen de detectalas novamente entre bañistas e tripulantes e pasaxeiros de navegacións de lecer, e tamén en embarcacións pesqueiras: “Cando unha persoa quere levar a cabo unha actividade marítima, o primeiro que ten que coñecer é a situación legal e despois usar o sentido común”, explica a coordinadora, que denuncia que “dende hai anos as mandas de arroaces, Tursiops truncatus, son perseguidas e acosadas durante o verán dende que sae o sol ata que se pon. Sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos de Galicia, entre eles destacan Baiona, Combarro, Sanxenxo e Portonovo”.

A coordinadora, se ben recoñece “o bo facer de moitos navegantes” (que cando detectan cetáceos no mar son respectuoso coa lexislación vixente e mesmo colaboran co CEMMA co rexistro destas especies), tamén quere poñer o foco nesta pequena pero significativa porcentaxe de persoas que “dende motos acuáticas e embarcacións deportivas persisten no acoso ás mandas”. Este problema tamén é extensíbel á actividade pesqueira: “Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles cualificándoos de praga, esta visión, ademais de falsa, está totalmente distorsionada por uns intereses particulares sen motivo para esas conclusións”. Sobre este punto, a coordinadora lembra que os arroaces foron tradicionalmente masacrados en toda a costa e “que anualmente morren máis de 70 arroaces en toda Galicia por causa das actividades pesqueiras”.

Para a plataforma mariño-ambiental, o caso máis sangrante é a situación do arroaz Confi na ría de Muros, onde é tratado “dun xeito humillante e indigno tanto por navegantes como polos bañistas, levando a cabo actividades ilegais e puníbeis e mesmo con grande risco para a súa saúde e a súa vida”.

Por outra banda, a coordinadora recorda que nesta época “os arroaces teñen a súa época de nacementos” e que “todos os anos son atopados cachorros mortos que non sobreviven as primeiras semanas, estimándose que un 20% dos exemplares nacidos no ano non sobreviven, polo que esta situación incide negativamente na poboación”.

Protección

O réxime de protección dos arroaces, catalógaos como vulnerábeis de acordo co establecido no Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas e na que se da conta así mesmo das prohibicións expresas reguladas mediante o Real decreto 1727/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen medidas de protección dos cetáceos.

Ambas lexislacións establecen prohibicións expresas no caso de natación, acoso e molestias deliberadas o que está suxeitos a multas.