En Ribeira os grupos de Goberno e Socialista continúan achegando posturas de cara a aprobación dos orzamentos municipais do 2021

Alcalde e edís do grupo municipal do PSdG-PSOE mantiveron no día de hoxe unha nova reunión no ánimo de seguir achegando posturas de cara a aprobación dos orzamentos do Concello para o 2021.
Neste senso, e unha vez estudadas polo Executivo local as propostas planteadas polo grupo socialista, as posturas están cada vez máis próximas e de seguir esta liña favorable o acordo se materializaría na firma dun protocolo cun conxunto de accións de interese por ambas partes a desenvolver no período 2021-2023.
Así, dende o PSdG-PSOE manifestaron que son conscientes da necesidade de preservar o gasto corrente polo que os compromisos están enfocados ao apartado dos investimentos, sobre todo incentivado os que teñen un carácter máis social.
Entre as accións a levar a cabo figurarían, por exemplo, a prolongación da exención das taxas pola ocupación con mesas e cadeiras na vía pública no ano 2022, novas bonificacións nas Ordenanzas Fiscais ou estudar un reequilibrio na taxa depuración para aplicación da rebaixa dos custes do novo prezo do contrato aos veciños/as de Ribeira.
Na área de infraestruturas, o compromiso traduciríase na rehabilitación de adecuación do inmoble adquirido na rúa Galicia para a creación da nova biblioteca municipal, a construción dunha edificación como centro de deportes náuticos (preferentemente en Aguiño) e o inicio dos trámites para poder dispoñer dun museo do mar.
Tocante á área de emprego e industria, contemplaríase a urbanización e construción do novo polígono industrial en Fontenla, previa expropiación dos terreos necesarios; mentres que para a mellora a mobilidade e accesibilidade abordaríanse actuacións como a humanización do fronte marítimo e a rúa Castelao en Aguiño, a dotación de beirarrúas na Rúa Alcalde Fernández Bermúdez, a remodelación do pavimento actual dun tramo da Rúa Pedriñas
(Carreira) e a pavimentación das marxes na estrada de Xebre (Castiñeiras).
Outras iniciativas de común interese serían a constitución da Fundación Manuel Ayaso, o traslado do GAEM e Protección Civil a unha nova sede, a modificación da Relación de Postos de Traballo, o incremento da xornada de traballo ao profesorado do Conservatorio, a amortización do investimento derivado do cambio de luminarias a
LED, a reposición do céspede artificial do Campo da Tasca ou a declaración, definición e impulso das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) no municipio, acompañadas da dotación de recursos necesarios.
Por último, coincidiron na necesidade de articular medidas de apoio a hostalería e comercio local a través de bonos que fomenten e reactiven o consumo local.
O alcalde agradeceu o talante do PSdG-PSOE, que logo do seu ofrecemento de recibir achegas que fixeran posible a aprobación dos orzamentos deste ano foi o único grupo da oposición que tivo a ben presentar propostas.