Comezan as obras para a instalación de auga na totalidade das vivendas da parroquia de Bealo

O Concello de Boiro informou do inicio (esta semana) das obras para a instalación de auga para consumo na parroquia de Bealo. Con esta actuación, financiada con cargo ao Plan Único (POS 2020) da Deputación da Coruña, vanse completar as actuacións para a dotación de auga potábel nas vivendas na dita parroquia que quedaron sen servizo nas dúas primeiras fases da execución deste proxecto. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz, visitaron este 19 de agosto o lugar onde se comezaron a executar os traballos.

Romero e Ruiz informaron de que durante os anos 2018 e 2019 o Concello de Boiro acometeu en dúas fases actuacións para fornecer do servizo básico de auga ás vivendas da contorna, que con esta terceira fase da actuación (que comeza a desenvolverse esta semana) cúbrese a parte dos domicilios que ficaba pendente, “unha demanda histórica da veciñanza de Bealo que aínda non dispoñía deste servizo básico”, sinalaron.

A actuación consta dun orzamento total de 242.729,76 euros. Con ela, vaise dar servizo ás vivendas máis afastadas da rede principal de abastecemento. Coa actuación preténdese executar a zona lateral dos beirís seguindo o trazado das vías existentes, dun total de 5.160 metros repartidos en seis tramos para proceder á instalación do tubo principal de abastecemento.

Logo desta actuación vaise levar a cabo a conexión do abastecemento a cada vivenda, que se vai realizar en arqueta e con chave de corte, para logo repoñer o pavimento danado. Para a execución desta obra, o Concello de Boiro conta co financiamento da Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS 2020).