
A concelleira de Cultura, María Outeiral, participou na presentación da II cea solidaria peñeira xunto con David Laíño, presidente de Peñas Boiro AC, e Patricia Halcón, presidenta da entidade solidaria e inclusiva BarbanTEA.
A cita solidaria, organizada por Peñas Boiro AC, terá lugar o 7 de novembro ás 22.00 horas no Restaurante Chicolino e a recadación será destinada á asociación de trastornos do espectro autista do Barbanza, BarbanTEA.
O prezo da cea será de 50 euros dos cales 5 serán doados integramente a BarbanTEA, xunto co recadado da venta de rifas para os sorteos presenciais de agasallos doados polo comercio e a hostalaría de Boiro.
“O ano pasado foi un éxito, tivemos mais de 200 inscritos, e este ano esperamos manter esa cifra e recadar o máximo posible para BarbanTEA”, afirmou David Laíño.
BarbanTEA é unha asociación de recente creación formada por familias con fillos e fillas autistas de diferentes graos que serve como punto de información e tamén de formación ás familias con un diagnóstico de TEA ou autismo. “Todo o recadado nesta e outras vai destinado ás actividades que realizamos de información e terapias para as familias”, recoñeceu Patricia Halcón.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, agradeceu a implicación de Peñas Boiro AC realizando “actividades solidarias que axudan a outras entidades do municipio” e convidou á veciñanza a sumarse “a esta cita lúdica e solidaria en beneficio dunha entidade que fai un gran traballo desinteresado polas familias da nosa comarca”.



