Nunca, ata que cheguei a vivir en Ribeira (mediados os anos 50 do século pasado) escoitara falar da Santa Compaña e cando tiven a oportunidade de saber algo destas personaxes do inframundo, meu pai -que non era moi dado aos asuntos relacionados directa ou indirectamente con calquera relixión- botou abaixo o tinglado medoñento que estaban montando dúas veciñas e miña nai ao falar de procesións de mortos, a Santa Compaña e, xa todos metidos nunha cesta mental, o Urco.
FALEMOS.
Unha antiga festividade celta -o Samaín ou Sanhain, que se celebra do 31 de outubro ao 1 de novembro- cadra coa metade máis escura do ano e segue o que os ingleses chaman halloween. É esta unha noite na que os sustos e os disfraces de terror están permitidos (na actualidade, o de menos son, para a xuventude, os difuntos, algo que se respectaba reverencialmente en Ribeira poñendo o vecindario velas e candeas, amáis de flores, nas tumbas do cimeterio local).
O que moitos descoñecen, sobre todo na outra banda do Atlántico, é a orixe desta tradición recib¡da dos celtas e que eles -nomeadamente en México- considera de seu.
Durante este día, coidaban que os mortos podian retornar ao mundo dos vivos, pero só na noite previa ao día de Tódolos Santos. De aquí pode vir a tradición oral que permanece viva en certa medida en Galicia arredor de personaxes, localizacións e léndas cheas de misterio que poden provocar auténticos pesadelos, como lle aconteceu a un coñecido funcionario público ribeirense ao que se lle fixo tarde-noite en Corrubedo a onde se desprazara como facía decote en bicicleta, pinchando unha roda desta ao pouco de comezar a baixada da costa que facía a estrada de Ribeira a Noia pouco antes de chegar a Deán. Este home baixou da bicicleta e levaba esta pola man cando -contaba- comezou a escoitar unha camopaíña e ver como unha luz oscilaba dunha banda á outra da estrada. Deu en cavilar que se trataba da Santa Compaña e, aproveitando un valo da estrada -esta daquela sen asfaltar- agochouse canto poido e deixou que pasara diante a “procesión” que non era tal xa que logo era un moi coñecido mutilado da Guerra Civil que carente dunha perna utiizaba senllas muletas e, como era noite, colgaba do cinto un faroliño que de b alanceaba e, a ao bater contra a fibela do cinto, producía ese son que ao funcionario tanto medo lle metera ao relacionar coa procesión dos defuntos.
Son algunhas das moitas relacións que, co máis aló, gardamos os gakegos. Perfectas para contarmos á luz dun candil ou dunhas velas na noite de Samaín. Historias de terror que moitos galegos asumíamos porque a Santa Compaña non era senón unha xuntanza de ánimas do Purgatorio que vagan toda a noite sen rumbo, en procesión: á cabeza de cada unha das dúas fileiras de ánimas camiña unha persoa viva cunha cruz e un caldeiro de auga bendita que non pode, baixo ningún concepto, virar a súa cabeza cara atrás.
Conta a lénda que a persoa suxeita á maldición non lembrará nada ao día seguinte e que se caracterizará pola súa extrema delgadez e palidez.
Con todo, cada noite desfila a carón da Santa Compaña ata debilitar a súa saúde por completo, enfermar ou morrer, ou ata que outro incauto sexa sorprendido e se libere.
Teño falado con persoas que aseguraban coñecer a quen se integrara deste xeito na procesión dos mortos e rematara chuchado absolutamente tendo sidon persoa forte de bastante peso.



