Múltiples mostras de condolencia nos concellos do Barbanza coas vítimas do accidente ferroviario deste mércores

29 Outubro 2026

Ademais das concentracións en Ribeira, Boiro e O Son das que falamos onte e hoxe neste medio, os concellos do Barbanza están a compartir múltiples mostras de condolencia e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo e cos seus familiares e seres achegados.

En Noia o Concello decidiu cancelar as actividades municipais durante os días de loito oficial: “De acordo coa organización, as empresas involucradas e o Cineclub Claudio Guerín, e con motivo do loito oficial decretado polo tráxico accidente ferroviario ocorrido en Urda (Toledo), o Concello de Noia decidiu cancelar todas as actividades programadas durante os días de loito oficial, que se prolongará ata o sábado”, sinalou o Goberno local, engadindo que tamén quedan canceladas as actividades culturais previstas, así como o II Claustro do Terror e o Tren Infantil do Medo. A única excepción será o servizo de conciliación vinculado á campaña MercaEnNoia, previsto para o sábado pola mañá, que incluirá un obradoiro infantil de cabazas.

No comunicado oficial, o Concello de Noia trasladou as súas condolencias ás familias das vítimas e todo o seu apoio ás persoas afectadas por esta traxedia.

Polo que respecta ao Concello de Dodro, decidiu manter as bandeiras a media hasta en sinal de loito polo accidente ferroviario.

En Rianxo o Concello e a Corporación expresaron o seu pesar e trasladan “todo o noso apoio e solidariedade ás persoas afectadas polo grave accidente ferroviario ocorrido en Toledo”. E engaden nun comunicado publicado nas redes: “O noso pensamento está coas vítimas, coas súas familias e persoas achegadas, así como con todas as persoas que nestes momentos están a traballar nos labores de emerxencia e atención”.

O Concello de Outes tamén gardou onte polo serán un minuto de silencio polas vítimas, cos grupos de toda a Corporación local.

Ademais, as agrupacións políticas da Pobra do Caramiñal tamén gardaron este xoves ao mediodía, diante do Consistorio, un minuto de silencio “en memoria das vítimas do accidente ferroviario en Urda, Toledo”. E engadiron: “O Concello da Pobra do Caramiñal traslada as súas máis sentidas condolencias ás familias das vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Urda (Toledo), expresa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas e desexa unha pronta recuperación ás persoas feridas”.

Lembrar tamén que o Concello de Lousame unise á convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias e gardou este xoves ao mediodía un minuto de silencio en memoria das vítimas do tráxico accidente ferroviario que tivo lugar na provincia de Toledo. Foi ás 12h no Consistorio, en Portobravo.

O Concello de Muros uniuse tamén á dor á tristeza polo accidente ferroviario: “Queremos expresar o noso máis sentido pésame ás familias das vítimas e a nosa solidariedade coas persoas feridas e afectadas. O noso recoñecemento aos equipos médicos e de emerxencias”. Por este motivo, o Concello e a veciñanza, con todos os grupos políticos con representación no Consistorio, gardaron un minuto de silencio este mércores ás 20h na Casa do Concello.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“500 noites” – Xulio Xiz

“500 noites” – Xulio Xiz

O dato das 500 noites lembroumo o pasado San Froilán o magnífico Carlos García-Boente Carro, á fronte de La penúltima sabinera, que foi debullando os éxitos de Joaquín Sabina diante do entusiasmo dos presentes, deixando para o remate os dous temas para min máis...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.