
O Concello do Porto do Son vai celebrar o inicio de novembro (e o Samaín) con cultura para a rapazada, ao abeiro do III Ciclo Cultural Infantil Itinerante que leva espectáculos familiares por todas as parroquias do termo municipal. Este domingo 1 de novembro será a quenda de Caxoto, que traerá á Casa da Cultura de Baroña a sesión Contos de medo que deixan durmir. Será ás 18.00 horas e con entrada libre. Organiza a Área de Cultura do Concello coa colaboración da Deputación da Coruña.
Trátase, en palabras do autor, “dun espectáculo para rirse do medo e deixarse levar ao embruxamento das antigas lareiras e gozar dos contos de medo … que deixan durmir”. E engade: “Neste espectáculo achegámonos á nosa esencia máis escura para poñerlle un chisco de luz e achegala as nenas e nenos de todas as idades sen que iso lles quite o sono”.
Sinopse
Galicia conta cun amplo elenco de sinistros personaxes que percorren pola noite os nosos camiños: a Santa Compaña, o Sacaúntos, o home lobo… Un espectáculo para rir do medo e gozar dos contos de medo… que deixan durmir.
Máis espectáculos do II Ciclo Cultural Infantil Itinerante
· 8 de novembro
A Casa da Cultura de Xuño acollerá a Dani Polo. O espectáculo dará comezo a partir das 18:00 horas.
· 15 de novembro
A Casa da Cultura de Queiruga acollerá a Brais das Hortas. O espectáculo dará comezo a partir das 18:00 horas.
· 22 de novembro
A Casa da Cultura de Portosín acollerá ao Teatro Ghazafelhos. O espectáculo dará comezo a partir das 18:00 horas.
· 29 de novembro
A Casa da Cultura de Porto do Son acollerá a sesión Dedín, dedín, dedal. O espectáculo dará comezo a partir das 18:00 horas.



