A Asociación Boirense de Empresas (ABE) pon en marcha unha nova campaña de Samaín coa participación de 70 negocios asociados, que o sábado 31 de outubro repartirán un total de 7.000 chupa chups terroríficos entre a súa clientela baixo o lema Truco ou Trato.
A iniciativa busca aproveitar a celebración para encher de ambiente as rúas de Boiro, fomentar a participación das familias e animar a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse aos establecementos locais.
Trátase, indica a ABE, “dunha proposta sinxela e pensada para compartir esta data dunha maneira divertida, ao tempo que se pon en valor a implicación dos negocios na vida social e comercial da vila”.

A asociación indica que “a campaña chega, ademais, nun momento especialmente interesante para achegarse a Boiro e aproveitar as oportunidades de aforro dispoñíbeis, xa que segue activa a campaña MercaNaVila, impulsada pola Deputación da Coruña, que permite descargar bonos desconto de ata 100 euros para realizar compras nos establecementos adheridos, e súmase o Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, con descontos de ata 30 euros nos negocios participantes”.
Deste xeito, convértese nunha nova oportunidade para combinar lecer, compras e aforro, convidando a pasar o día en Boiro, percorrer as súas rúas e descubrir todo o que ofrecen as empresas locais, engade a ABE, que destaca que “a importancia de promover accións que contribúan a crear ambiente, atraer público e fortalecer a relación entre os negocios e as persoas que apostan polo local”. A participación de 70 establecementos nesta edición de Truco ou Trato amosa, unha vez máis, a implicación do tecido empresarial de Boiro en iniciativas compartidas que axudan a facer comunidade.
Este sábado, Boiro ten unha cita, cos seus negocios e coas persoas que dan vida ás súas rúas. Porque apoiar o local tamén pode ser unha aventura terrorificamente divertida.




