Uruguai aumenta a súa listaxe de bens no Patrimonio da UNESCO cunha igrexa de Eladio Dieste, sobriño de Rafael

Eladio Dieste, fillo de Eduardo e sobriño de Rafael Dieste, prestixioso e sobranceiro arquitecto uruguaio con raíces en Rianxo, veu recoñecida a súa obra coa inclusión da Igrexa do Cristo Obreiro da Atlántida, a 46 quilómetros de Montevideo, na listaxe de Patrimonio da Humanidade da UNESCO. O Concello de Rianxo, a través do seu alcalde Adolfo Muíños, lembrou esta semana o forte vínculo de Eladio Dieste coa vila dos seus antergos e, máis polo miúdo, coa casa da rúa de Abaixo (malia ter nacido en Uruguai).

Así definía o propio arquitecto os seus vencellos coa súa terra de orixe: “Tiñamos con Rafael unha amizade realmente entrañable ademais dos lazos de parentesco. Esta amizade comezada nos seus anos de exilio en Bos Aires continuou logo en España nas visitas que case anualmente lle facía; volvía sempre pola Coruña e Rianxo onde está a casa familiar e onde naceu Rafael e se criou o meu pai”.

Traxectoria dun arquitecto internacionalmente recoñecido

Entre os grandes fitos arquitectónicos do enxeñeiro uruguaio Eladio Dieste (1917-2000) atópase sen dúbida o desenvolvemento do sistema coñecido como “de cerámica armada”, amais das bóvedas de dobre curvatura.

Entre as súas obras máis destacadas atópanse as seguintes: a Parroquia de San Pedro, en Durazno, a Parroquia de Cristo Obreiro, en Atlántida, a Ex Terminal municipal de Buses de Salto e a terminal de Buses Axencia Central do mesmo departamento así como o depósito Julio Herrera e Obes no Porto de Montevideo, etc.

Homenaxe aos fieis humildes

A igrexa uruguaia de Atlántida que vén de ser distinguida pola UNESCO é ante todo un templo ao servizo do pobo, as clases traballadoras dun país que se atopaba en pleno proceso de desenvolvemento cando foi deseñada e finalmente construída. A igrexa, un exemplo perfecto das técnicas que lle deron sona a Eladio Dieste (é unha das súas obras máis famosas), foi creada entre 1958 e 1960 e está situada a uns 46 quilómetros ao leste de Montevideo. A súa inscrición na listaxe do Patrimonio Mundial foi anunciada esta semana pola UNESCO no marco da 44ª reunión do comité a cargo de analizar as candidaturas para esa prestixiosa nómina que se celebra de maneira virtual desde Fuzhou (China).

A construción salienta polas súas paredes e teitos ondulados, a cor avermellada dos seus ladrillos e a ausencia de columnas ou vigas. “É unha obra absolutamente orixinal”, explicou Esteban Dieste, arquitecto e fillo de Eladio, ao alegar que o edificio “non se pode encadrar en ningunha das correntes” da arquitectura moderna.

Eladio Dieste asegurou no seu día que a igrexa “foi pensada de modo que todos sentisen comunitariamente actores da liturxia”. E engadiu: “Os medios e materiais usados (…) son humildes como os fieis para quen a igrexa se constrúe, pero foron tratados cun desvelo que aspira a ser a homenaxe que estes humildes merecen”.

A igrexa convértese no terceiro sitio de Uruguai declarado Patrimonio da Humanidade, logo do Barrio Histórico de Colonia del Sacramento, no suroeste do país, e as instalacións do ex Frigorífico Anglo, hoxe Museo da Revolución Industrial, en Frey Bentos, sobre o río Uruguai.