Os socialistas de Ribeira piden incluír nos orzamentos axudas á hostalería e ás familias e a materialización das ARI locais, a Biblioteca e o Museo do Mar

O PSdG-PSOE de Ribeira presentou as súas solicitudes para incluír nos Orzamentos locais relativos a este ano en curso. Son na súa maior parte propostas recollidas no programa electoral dos socialistas de Ribeira, e que poñen o foco nas necesidades urxentes na asistencia á hostalería e as familias necesitadas, causadas principalmente pola pandemia de COVID-19. Segundo indican, “se o Equipo de Goberno do PP acepta negociar as nosas condicións e incluílas nos Orzamentos deste ano 2021, o PSdeG-PSOE de Ribeira estará disposto a dar un paso para sacalos adiante”. Porén, a agrupación “entende que os gastos correntes do Concello, como o pago de salarios, subministros e débedas pendentes, non é necesario negocialos, xa que son conceptos ineludíbeis aos que hai que afrontar”.

As propostas dos socialistas artéllanse na seguintes serie de puntos:

-Axudas á hostalería. Tendo en conta a situación actual, “na que a hostalería é un dos sectores mais castigados pola situación sociosanitaria sufrida”, os socialistas propoñen a inclusión nos orzamentos dunha axuda consistente na continuación da Exención do Pago de Taxas por Ocupación do Espacio Público. “Isto é, que durante todo o ano 2021 os establecementos poderán seguir ocupando espacio público de forma ilimitada e sen que represente custe algún para estas empresas, sendo os ingresos que habitualmente xeren estas ocupacións deducidos do presuposto anual a aprobar para o ano 2021, acompañados de plans de dinamización do sector.

Inclúese un apartado específico con axudas á hostalería

Nova Biblioteca Pública. Segundo indica o PSOE, “a nova Biblioteca Pública de Ribeira é unha necesidade urxente para o municipio. A adquisición dun edificio emblemático no centro da cidade aprobouse en sesión plenaria, e levouse a cabo un proxecto para levar a cabo a súa rehabilitación, ampliación e dotación de servizos para deixalo totalmente operativo. O custe desta actuación ascende a cantidade de 1.100.000 €. O PSdeG-PSOE considera que este importe debe ser incluído nos orzamentos do ano 2021.

-Novo Centro de Deportes Náuticos/ -Museo do Mar. O grupo propón incluír tamén o Centro de Deportes Náuticos, que acollerá, entre outras modalidades deportivas, a nova sede do Clube de Remo, aprobado en pleno, por importe de 700.000 €. “Consideramos que o sitio ideal para realizar esta infraestrutura (polas súas prestacións é condicións naturais), é a localidade de Aguiño”. Respecto do Museo do Mar, permitiría “desenvolver e presentar as antigas actividades dos almacéns de salgadura, con audiovisuais e salas de proxección e interactividade das accións mais actuais, en similitude co Museo do Mar de Vigo”, explican os socialistas, engadindo que o orzamento deste último punto sería de 200.000 euros e salientando as boas condicións da praia de Area Secada, no Touro, para acoller un centro destas características.

A praia de Area Secada sería o emprazamento idóneo para o Museo do Mar, din os socialistas

-A.R.I./Novo Polígono Industrial. Os socialistas, no punto das ARI, requiren a implantación do acordo plenario do ano 2017, por unanimidade dos compoñentes da Corporación municipal. Segundo recordan, as Áreas de Rehabilitación Integral son espazos do casco urbano habilitadas polo IGVS xunto coa colaboración dos concellos para realizar actividades de reforma e rehabilitación de vivendas antigas, por motivos de interese arquitectónico, social o cultural. As zonas inicialmente aprobadas, e por tanto, motivo de actuación son Bandourrío (Ribeira), Pombal (Ribeira), Palmeira, e Corrubedo. “As áreas de actuación poden ser outras varias do noso concello, que reúnan as condicións requiridas, entre elas Frións, Carreira, Olveira, etc”, explican, poñendo o foco na necesidade de dotar esta iniciativa dunha oficina técnica, cun aparellador e un administrativo, previo acordo co IGVS. O orzamento sería de 150.000 euros. Respecto do Novo Polígono, pídese a dotación orzamentaria para o inicio das obras do novo Parque Industrial de Pedras Vermellas (Fontenla, Palmeira-Oleiros), segundo a avaliación do proxecto aprobado polo pleno municipal, cunha dotación inicial de 150.000 euros.

-Fundación Manuel Ayaso. Os socialistas solicitan mobilizar os fondos económicos necesarios para a constitución da Fundación Manuel Ayaso, así como para a catalogación e o inventariado dos fondos cedidos. Segundo indican o emprazamento máis axeitado sería actual Centro Cultural Lustres Rivas, cunha ampliación unha vez rematada a Biblioteca Municipal. O presuposto sería de 45.000 euros.

Remodelación Porto de Aguiño. A respecto deste punto, o PSOE de Ribeira lembra que este proxecto formou parte do programa electoral (paseo marítimo) da agrupación, e que consiste “na

reurbanización da contorna do Porto (punta do Laño), na realización dunha rotonda na entrada a Lonxa, a reordenación do tráfico na rúa do Porto e os espazos do aparcadoiro no paseo da praia da Tasca, así como na dotación de mobiliario urbano, replanteo da estrada rúa Castelao nunha plataforma única, dotándoa dun carril bici, árbores e zona de ocio, chegando ao cruce coa estrada de

Castiñeiras, redeseñando a contorna do Campo de Fútbol, a Oficina de Correos, o parque infantil, a Casa da Cultura e o edificio de Telefónica, bordeando o mar e humanizando as beirarrúas eo entorno das vivendas existentes”. O orzamentos sería de 600.000 euros.

Bonos sociais. Os socialistas piden Manter durante a duración dos orzamentos as bonificacións as familias en situación de vulnerabilidade (extensible a negocios):

• Cota de auga potábel: bonificacións no recibo do 50%.

• Cota de saneamento: bonificacións no recibo do 50%.

• Cota de depuración: bonificacións no recibo do 50%.

• Taxas deportivas: bonificacións de ata o 60%.

• Escola infantil: bonificacións de ata o 100%.

• Axuda no fogar e dependencia: bonificacións de ata o 100%

no copago.

En total, mobilizaríanse 300.000 euros.

-Beirarrúas Alcalde Fdez. Bermúdez/Pav. Pedriñas. Solicitan a execución das obras aprobadas no pleno municipal no ano 2017, para dotar de beirarrúas o tramo carecente delas na rúa Alcalde Fernández Bermúdez (Fafián). O Orzamento sería de 25.000 euros. Asemade, piden o pavimentado (empedrado) do tramo da rúa Pedriñas (Carreira), que foi aprobado en pleno, tamén no 2017, acceso a CP-7306. O orzamento sería de 45.000 euros.

A rúa Alcalde Bermúdez

-Traslado do GAEM. Os socialistas piden o traslado da sede da agrupación local do GAEM á nave alugada para tal fin. Tamén que se adecúen as instalacións na nave coa disposición de duchas, taquillas, despacho e sala de gardas. Solicitan, así mesmo, o peche do actual acceso ao soto do edificio do Concello, e que se procedera a reforma e mellora desa superficie para a sua utilización por parte dos servizos municipais. O orzamento sería de 150.000 euros.

-Ampliación da estrada Arade a Aldea por Xebre. A agrupación require a ampliación da estrada que vai dende o cruce de Arade a Aldea-Castiñeiras por Xebre. Realización da pavimentación en asfalto con sobreanchos, nos 400 metros pendentes de executar. O orzamento sería de 60.000 euros.

-RPT. Execución final da RPT do Concello de Ribeira, segundo acordo adoptado no pleno. O orzamento proposto é de 8.000 euros.

O Campo da Tasca, en Aguiño

-Reposición Céspede Campo Municipal da Tasca. Pídese a reposición do céspede artificial do Campo de Fútbol Municipal da Tasca, en Aguiño, “xa que está en moi mal estado de conservación, o que pode provocar lesións de distinta consideración nos futbolistas practicantes”. Os socialistas engaden que se precisa a dotación dun céspede de última xeración e a instalación de dúas porterías abatíbeis. O orzamento sería de 182.000 euros.

O orzamento total de todos os puntos descritos sería de 3.745.000 €.