En Artes(Ribeira)a artista coruñesa Nuria Pena acada o duodécimo Premio Internacional de Gravado Atlante

O Museo do Gravado de Artes deu a coñecer este sábado os gañadores do XII Premio Atlante, nas súas cinco modalidades. O xurado (formado por Alfonso Costa Beiro, Manuel Ayaso Dios, Carmen Hermo Sánchez, Isabel Pintado Palacio, Juan Monterroso Montero, Juan Manuel López Vázquez e José Daniel Buján Núñez) decidiu conceder o Premio Atlante Ramiro Carregal á artista galega Nuria Pena, pola súa obra Devezo. O galardón vén cunha contía de 5.000 euros.

A obra Devezo de Nuria Pena

Polo que se refire aos tres Premios Atlante, que inclúen un recoñecemento de 2.500 euros cada un, foron dar a Rajel Bronfman (Israel), por unha peza sen título, a Tomasz Winiarski (Polonia), pola súa obra Faces 7, e a Deborah Chapman (Canadá), pola peza L’espoir s’léve encore.

Pola súa banda, o Premio Galicia Pedras de Santiago (2.000 euros) recaeu nunha proposta sen título do galego Manuel Lareo.

Polo que se refire ás mencións de honra internacionais, foron dar Mirta Gendin (dende Arxentina, por unha peza sen título en impresión dixital) e a Vinicius Libardoni (dende Italia, pola obra Suspensión). As mencións de honra galegas distinguiron as contribucións de Paco Casal (por Tardiña na corredoira) e María Meijide Fraga (por unha peza sen título).

A contribución do artista Manuel Lareo
A obra de Rajel Bronfman

Foron seleccionados un total de 41 gravados que serán expostos en datas vindeiras cos premiados e os finalistas. En total, recibíronse 215 obras de 180 participantes, procedentes de 19 países: Arxentina, Brasil, Bulgaria, Canadá, Cuba, España, Francia, Gran Bretaña, Gibraltar, India, Irlanda, Israel, Italia, Uruguai, México, Pakistán, Polonia, Romanía e Rusia.

O gravado proposto dende Arxentina por Mirta Gendin

O xurado do XII Premio Atlante de Gravado quixo recoñecer e valorar de xeito moi especial a participación dos artistas nesta nova edición a pesares de persistir as penas circunstancias que estamos a vivir: “É salientábel o número de obras presentadas, así como a diversidade e internacionalización dos e das participantes”, indicaron os membros do xurado.

En relación aos premios concedidos, o xurado decidiu outorgar todos os premios destacando “a calidade dos gañadores tanto técnica como conceptualmente, xa que abren novas vías de expresividade a través do gravado”.

No caso dos Premios Atlante, este xurado “premiou a corrección e calidade técnica, a delicadeza da iluminación que se converte en protagonista e creadora do espacio da escena”. Ademais, decidiuse conceder catro mencións de honra atendendo ás mesmas valoracións.