O BNG pide deter os recortes no CEIP Palmeira

O BNG de Ribeira informou de varias iniciativas rexistradas pola agrupación no Concello e no Parlamento para deter “os recortes e o peche de aulas no CEIP de Palmeira”. Así o fixeron saber, tras unha xuntanza coa comunidade do centro, a deputada do BNG, Rosana Pérez Fernández, e os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral.

Segundo fai saber a agrupación, a pretensión da Xunta de eliminar dúas unidades de educación infantil coa conseguinte redución de profesorado supón “seguir avanzando no desmantelamento do ensino público, especialmente no ámbito rural”.

Para a deputada do BNG, Rosana Pérez, “a cousa queda clara cando esta decisión da Consellaría lles é comunicada ás responsábeis do centro o 29 de xuño”, un feito que, ao seu ver, “demostra a intención clara e evidente do Partido Popular de evitar calquera tipo de mobilización por parte da comunidade educativa”.

A comunidade educativa do CEIP de Palmeira reclama que non se eliminen estas unidades por entender que “sería moi prexudicial para a calidade do ensino que se está a impartir no centro”, cuestión que desde o BNG apoian.

Pola súa banda, o concelleiro Luís Pérez, argumenta que “este centro educativo conta con preto de 300 escolares, unha parte deste alumnado, ten algún tipo de necesidade educativa diagnosticada polo que se fai imprescindíbel contar co número suficiente de profesorado e cos profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT)”.

Pérez Barral considera que o recorte que pretende aplicar a Consellaría de Educación, “de maneira unilateral e sen ningún tipo de diálogo”, é “totalmente inxustificado e supón unha aberración pedagóxica e unha discriminación cara as zonas máis rurais do municipio”. E engade: “O recorte de unidades en educación infantil, de se levar a cabo, impediría o reforzo e o apoio educativo precisos que se están realizando neste momento, algo que sen dúbida, provocaría graves prexuízos á comunidade escolar”.

Segundo lle trasladou ao BNG a dirección do centro, “ao pasar de cinco unidades en infantil a tan só tres, minguaría a calidade educativa, aumentaría a ratio de alumnado por aula e imposibilitaría a realización de calquera tipo de desdobre, amais de que tampouco se poderían levar a adiante os diferentes programas e accións educativas que teñen un especial impacto no alumnado con necesidades especiais”.

Por todo iso, o BNG vai demandar que o Concello de Ribeira apoie as demandas da comunidade escolar de Palmeira, instará á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a manter un mínimo de catro unidades en educación infantil no CEIP Plurilingüe de Palmeira e a abrir un diálogo coa dirección e coa ANPA do centro.