O BNG esixe no Parlamento parar os recortes no IES Nº1 de Ribeira

O BNG rexistrou iniciativas no Concello e no Parlamento contra os recortes no IES Nº1 de Ribeira, que o grupo nacionalista, ao igual que a dirección do centro e a ANPA, consideran “brutais” e “lesivos”. Os nacionalistas esixen “manter todos os postos de profesorado, atender o alumnado con diversidade e o cese da concelleira de Educación pola inacción do seu departamento”. Tamén lanzan fortes críticas á Consellería de Cultura e Educación, “que está a recortes brutais no ensino público fechando unidades, reducindo profesorado e eliminando materiais en colexios e institutos”.

Os nacionalistas denuncian que “está habendo unha planificación de desmantelamento do ensino público que, na práctica, tradúcese en drásticos recortes de persoal docente, incremento desmesurado das ratios de alumnado por clase, perda de oferta educativa e abandono definitivo da atención á diversidade e minguar a calidade educativa en xeral”.

A deputada, Rosana Pérez, compareceu este venres ao mediodía acompañada da ANPA do IES Nº1 e dos edís do BNG para denunciar “como o Partido Popular está aplicando recortes de persoal en plena época vacacional para evitar as mobilizacións e unha vez rematado o período lectivo, o período de matriculación e coa planificación feita por parte das direccións dos centros educativos”.

Para a parlamentaria, “os recortes son gravísimos e a falla de respecto que se está a ter cara o traballo realizado polas direccións dos centros e polo conxunto do profesorado evidencia claramente a nula vontade de diálogo e unha absoluta falla de sensibilidade cara ás situacións que se viven en cada centro”. E engade: “O menosprezo que sofren as familias e o propio alumnado que, unha vez rematado o curso e tendo xa realizada a súa matrícula, quedan agora a expensas de que as decisións unilaterais da Consellaría condicionen as súas previsións”.

Tamén lembro que o Instituto de Educación Secundaria Nº1 de Ribeira é un centro que supera os 600 alumnos e alumnas, que imparte ESO, ESA, Bacharelato diúrno e nocturno, alfabetización de adultos, e que alberga, ademais, unha delegación da Escola Oficial de Idiomas e vén sendo referencia na comarca dende hai moitos anos. “É un centro que ten un cadro de docentes que chega ás 72 persoas e ao que, con data de 26 de xullo, se lle comunica que a dotación será de 66 para o novo curso”, explicou, engadindo que isto tradúcese “en seis profesores e profesoras menos do que lle corresponde e dez menos que no curso 2020-2021”. A deputada da Pobra engadiu que “unha praza de PT na que o seu titular vén de xubilarse e que, nestes momentos, está sen confirmar, aínda coñecendo a administración educativa que o centro conta con más de corenta nenos e nenas con dificultades educativas”.

Na súa opinión, “o recorte que pretende aplicar o Goberno de Núñez Feijóo, de non rectificarse, implicará graves consecuencia á organización definitiva do centro, ao alumnado e, evidentemente, provocará unha perda importante de calidade educativa”.

As consecuencias máis inmediatas serán, dixo, as seguintes: aumento de ratios con aulas de de 28 alumnos, perda de agrupamentos en 1º e 2º de ESO, menor atención á mocidade que ten diversidade e dificultades, redución das materias optativas, eliminación da oferta de alfabetización de adultos e unha diminución da atención ás necesidades educativas especiais e ao alumnado con dificultades se se confirma a perda dun/ha profesional de PT.