A ANPA do Caramecheiro advirte de importantes e “lesivos” recortes no profesorado do IES Nº1 de Ribeira

A ANPA do Caramecheiro (IES Nº1 de Ribeira) emitiu un comunicado no que informa de que o centro ao que está vinculada a asociación tamén vai ser obxecto de importantes recortes por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Educación. En concreto, fan saber que “a tesoira en educación alcanzou finalmente ao noso centro educativo dun xeito realmente lesivo”.

A ANPA explica que o IES de Coroso (o chamado Nº1) contaba cunha dotación antes da pandemia de 72 docentes e que o ano pasado, “logo dunha dura loita”, conseguíronse só 4 docentes máis para facer os desdobres necesarios para dar cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e protección fronte á COVID-19. No comunicado afirman que estas e outros xestións para acadar máis profesorado van quedar finalmente en nada, xa que “a semana pasada a dirección do centro foi informada de que o cadro de persoal ía ser reducido a tan só 66 docentes, o que supón a perda de 10 mestres e mestras”. Trátase de dez postos de traballo “que a Xefatura Territorial da Coruña considera prescindíbeis e que, sen embargo, tradúcese nunha imposibilidade de manter a organización actual do centro”, explican no comunicado as nais e os pais da asociación, engadindo que “con tan só 66 docentes o centro non pode garantir todos os puntos descrito no PEC (Proxecto Educativo do Centro) de obrigado cumprimento exixido pola propia Consellaría de Educación”.

Tras un primeiro estudo das repercusións e das consecuencias deste recorte no Instituto, a situación quedaría en palabras da ANPA resumida deste xeito:

· Pérdense 2 liñas na ESO, unha en 1ºESO e outra en 2ºESO. Dous agrupamentos creados para dar atención ao alumnado con dificultades no aprendizaxe (punto descrito no PEC do IES Nº1).

· Non se poderán realizar os Laboratorios de Idiomas, Tecnoloxía, Bioloxía e de Física e Química, que se viñan facendo coma unha gran mellora na calidade desas materias.

· Tampouco se poderán realizar as clases de alfabetización, tanto para o alumnado estranxeiro coma para os adultos, fundamentais para lograr a integración destas familias (dentro do PEC).

· Tampouco será posíbel a atención ao alumnado con materias pendentes.

· Existe risco de que tamén se vexan mermadas as materias optativas ofertadas para este ano académico polo centro, “pois era, ata agora, un centro de referencia polo número e tipo de optativas que impartía, e que atraía matrículas de moitos estudantes, incluso de fora do concello, pois aquí tiñan a oportunidade de estudar materias que ningún outro centro ofertaba e melloraban de maneira considerábel a súa formación de cara os estudos futuros”, explica a ANPA.

· As aulas masifícanse con ratios rozando os máximos en 1º e 2º da ESO (26-28)

· No comunicado explícase que “en plena pandemia non se pode garantir en todos os postos de estudo a distancia mínima de seguridade exixida pola propia Consellaría (que este ano baixa a 1.20m) polo que a única opción e aumentar o número de mamparas dentro das aulas”. É dicir, engaden, “aumenta o risco de contaxio (entre o alumando e os docentes) e diminúen as condicións óptimas de aprendizaxe na aula”.

· A asociación sostén que “non hai mestres/as suficientes para realizar todas as gardas necesarias, polo que, non se vai poder garantir o control do cumprimento das medidas para a protección e prevención da COVID-19 do Plan de Adaptación do centro (de obrigado cumprimento, tamén exixido pola propia Consellaría)”.

· A ANPA tamén expresa o seu temor pola saúde dos docentes, que “se verán cunha carga laboral moi superior ao do ano pasado, non só polo número de alumnos dos que son responsábeis de garantir a súa educación, senón tamén pola sobrecarga nas horas e dobraxes que deberán facer ao longo do curso. Veranse frustrados por non acadar os seus propios obxectivos profesionais. Aumenta o risco de baixas e polo tanto, aumenta seriamente a dificultade para ser cubertos ou substituídos”.