O Barbanza vén de acadar un importante fito en materia educativa: este curso escolar, o IES Espiñeira de Boiro e o IES Leliadoura de Ribeira foron seleccionados para formar parte do prestixioso programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Segundo indican as equipos docentes e directivos dos ditos centros, “trátase dun recoñecemento moi destacado, xa que só 12 centros en toda Galicia (dun total de 260 en España) forman parte desta rede”. Tamén salientan que se trata dun compromiso claro do Barbanza e do seu tecido educativo cos valores europeos.
Cos valores europeos
Como dixemos, este curso escolar, o IES Espiñeira e o IES Leliadoura conseguiron situarse dentro da selecta rede de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo. Mentres que o IES Espiñeira consolida a súa traxectoria ao afrontar o seu segundo ano, o IES Leliadoura estréase nesta iniciativa.
Para coordinar as accións dos vindeiros meses, os representantes de ambos os centros participan durante os días 23 e 24 de setembro nas xornadas estatais de formación celebradas en Alcalá de Henares. Neste encontro están a establecer as bases de traballo en colaboración para o presente curso, compartindo experiencias cos demais centros galegos e do resto do estado.
O obxectivo principal de ambos os institutos para este ano será “transmitir ao alumnado da nosa comarca a importancia dos valores europeos e fomentar o compromiso dunha cidadanía activa”.




