A oposición de Ribeira acusa ao Executivo de “negarse a convocar a sesión extraordinaria pola residencia de maiores”. O Concello responde: convocarase segundo a normativa.

24 Setembro 2026

Os grupos da oposición de Ribeira (BNG, PSdG e Non Adscritos) volveron xuntar forzas este xoves 24 de setembro para denunciar o que consideran “un atropelo democrático do grupo de Goberno local”. En concreto, mostráronse moi críticos co Executivo por, sinalaron, “negase a convocar o pleno da residencia de maiores“.

Ademais, o BNG, PSdeG e Non Adscritos acusaron ao PP de “covardía política” e de “tirar ao lixo 800.000 euros nas Saíñas”, referíndose ao proxecto orixinal de residencia maior proxectado polo propio PP en anteriores lexislaturas posteriormente desbotado por considerar o PP que o emprazamento das Saíñas non cumpría coas condicións de seguridade requiridas por estar, sinalaron os populares, en zona “potencial inundábel”.

A oposición engadiu que o proxecto de residencia leva “un ano parado”. E apuntaron: “O BNG, PSOE e Non adscritos denunciamos como por primeira vez na historia a alcaldesa se nega a convocar o pleno extraordinario forzado pola oposición e debe convocalo o secretario de oficio”.

Os grupos volveron recriminar que “abandonar o proxecto das Saíñas implica tirar ao lixo 800.000€ de cartos públicos investidos alí, atrasar a súa construción e mandar ás persoas maiores ao monte illándoas sen transporte público nin accesibilidade”.

Recordaron ademais que a petición rexistrada para pedir explicacións sobre o estado e tramitación da residencia pública de maiores, tiña que celebrarse no prazo de 15 días hábiles, “un prazo que venceu este 24 de setembro sen que a rexedora realizase a convocatoria”, apuntaron, engadindo que “ante esta situación, solicitamos ao secretario municipal que convoque a sesión de oficio tal e como marca a lei para evitar o incumprimento, senón do contrario teremos que recorrer á Xustiza”.

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, criticou que “o proxecto orixinal da residencia nas Saíñas, iniciado no ano 2021, foi freado pola Xunta de Galiza en maio de 2025 sen criterios técnicos que o xustifiquen, coincidindo coa preparación da moción de censura para botar do Concello a un goberno que funcionaba”.

Amais da paralización administrativa, os grupos denunciantes sinalaron que trasladar a localización á contorna de San Roque pode representar “un prexuízo económico, polo diñeiro investido nas Saíñas e por ter que facer novos investimentos, e social, porque illaría ás persoas maiores nunha contorna sen accesibilidade nin conexión co transporte público e reiniciar os trámites desde cero cando nas Saíñas hai un proxecto viábel e que en poucos meses podería estar en construción”.

Os grupos indicaron que “un ano despois da moción de censura, xustificada no seu momento polos seus promotores para desbloquear proxectos, cualificamos de cero o balance do goberno de María Sampedro: non hai consignación orzamentaria, non existe proxecto de construción e os terreos non están nin inscritos”.

Por todo isto, esixen que se celebre “de inmediato” o pleno extraordinario para abortar “un asunto que é fundamental para o benestar das persoas maiores”.

O Goberno local responde: “Convocarase de acordo á normativa aplicábel”.

O equipo de Goberno respondeu ás criticas a través da alcaldesa de Ribeira, quen asegurou que o pleno extraordinario sobre a residencia “convocarase de acordo á normativa aplicábel”. A rexedora acusou á oposición de querer “saltarse a lexislación que rexe as sesións plenarias”.

Acosou aos grupos do BNG, PSdeG-PSOE e Non Adscritos “de ostentar unha maneira nefasta de facer política ao cualificar de atropelo democrático o feito
de que esteamos seguindo os cauces legais para a convocatoria do mesmo”. A rexedora dixo tamén que “a oposición rexistrou a petición con data do 3 de setembro de 2026 e que no día de mañá (venres 25) notificarase a celebración do pleno dentro do prazo legal”. De feito, argumentou, “o artigo 46 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece un prazo de quince días hábiles para a convocatoria do pleno e, esgotado ese período, é o secretario municipal quen notifica a data, que será no día 8 de outubro, ás 12.00 horas”.

E engadiu: “Unha vez máis asistimos a como os grupos da oposición demostran que eles pasaron polo Concello, pero o Concello non pasou por eles porque amosan unha falta de descoñecemento total sobre o funcionamento municipal”. A mandataria local refírese a que a pretensión da oposición é “enredar e confundir aos veciños en vez de solucionar os problemas do municipio”. E sentenciou: “Entendo que a oposición estea nerviosa. Nun ano, Ribeira pasou dun goberno incapaz de xestionar e de chegar a acordos a un goberno que propón, desenvolve e executa proxecto”.

Sampedro dixo tamén que “xa se deron avances cara a consecución da residencia como foi atopar un novo terreo que reunise as características para a materialización desta infraestrutura; de feito, no pleno ordinario do mes de setembro trataranse varios puntos respecto a este edificio como son a incorporación da parcela ao inventario, a mutación demanial subxectiva da parcela e a reversión do inmóbel das Saíñas, onde se erixía a antiga discoteca HestaKurva, cedido gratuitamente á Xunta de Galicia para a construción dunha residencia de maiores”.

Outros artigos

Novo número de Código Cero, revista de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero o 278, na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.