FIN DE SEMANA: AS NOSAS LETRAS. Propostas para tempo de lecer (V)

APOIA AS NOSAS LETRAS E ÓS NOSOS AUTORES, MERCA NAS NOSAS LIBRARIAS

“A presenza de Castelao en Euskadi”. Historia. Xosé Estévez. Editorial Toxosouto

A presenza de Castelao en Euskadi revela como unha figura carismática e creativa, irredutible na súa perspectiva política e ética, se converteu nun lider de referencia para os nacionalistas vascos. Dende o seu paso por Euskadi para viaxar por Europa, na primeira estadía en 1932, até o último paso, en 1993, para honrar a Árbore de Gernika, símbolo das liberdades vascas, Castelao sentiu unha fonda e sincera querenza por Euskal Herria. Esa nación correspondeulle de maneira admirada e diversa. As obras do rianxeiro serían asemade traducidas ao éuscaro, contexto intelectual no que atoparián unha fértil recepción. No exilio bonaerense, entre os anos 1940 e 1950, a súa habitual e conxunta participación, nas efemérides vascas, galegas e catalás, con parlamentos suscitaba fervorosas adhesións e foron amplamente recordados. Estamos ante un libro cheo de erudición que pola súa detallada información histórica será moi interesante para quen queira coñecer un pouco máis o noso pasado, a través dunha das figuras senlleiras da historia galega recente.

Os mundos de agora. Ensaio. Lois Oreiro. Editorial Galaxia

A Editorial Galaxia estrea unha colección de ensaio sobre temas de actualidade, Hoxeéhoxe, coa obra “Os mundos de agora”, do xornalista Lois Oreiro, no que reflexiona sobre o concepto de transhumanismo e insta a ter unha mirada crítica sobre os fenómenos de transformación que nos rodean, e que pouco a pouco van mudando a nosa sociedade até ter un impacto nas nosas vidas que non só era imposible de predicir hai varias décadas, senón que incluso actualmente son moi complexos de trazar, xa que as árbores non nos deixan ver o bosque. As Big Tech abriron as fronteiras entre o laboral e o ocio e entre o íntimo e o social mentres explotan libremente os nosos datos e nos secuestran a atención. Cando Occidente aínda debate pórlles límites, unha nova espiritualidade tecnolóxica proxecta ampliar o negocio con implantes cerebrais e corporais para transmitir mellor, aptos incluso para pensar por nós. Non falamos de excentricidades transhumanistas, senón dun proceso que se vai ligar a necesidades que ninguén discute: a saúde e o emprego. O imperativo sanitario e laboral lexitima modificar a intelixencia, os sentidos, as emocións… Seremos ciborgs? Nacen, viven e morren os ciborgs? Aman e pensan como facíamos nós? Estes son Os mundos de agora.

Entrevista co autor na nosa revista Código Cero 215, páxina 30-31

A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo. Edicións Xerais

Non sorprende o Isaac Díaz Pardo pintor, ceramista, deseñador, editor… pero, o poeta? Coa súa personalidade de creador infatigable e animador titánico, Isaac foi tamén un prolífico escritor, aínda que esta faceta non resulte nin ben coñecida nin debidamente ponderada. Ora ben, Isaac desenvolveu, ademais do xornalismo, todos os xéneros literarios (poesía, narrativa, dramaturxia e ensaio). Unha poderosa e adversa razón histórica -a censura- provocou que unha parte significativa da súa escrita fose publicada no exilio en Bos Aires baixo o coidado de Luís Seoane. Caso diferente é o da obra poética, dispersa a través de revistas, follas soltas, libros, folletos ou inserida na dramaturxia e narrativa.A reunión de todos os textos poéticos publicados ao longo de máis de medio século (1955-2007) converte en excepcional esta xeira, amosando unha voz ben orixinal dentro da literatura galega.

A obra presentouse a principios de xullo no auditorio Valle-Inclán da Pobra

O sorriso de Lilí”. Homenaxe a Araceli Herrero. Edita Colectivo Egeria

O Colectivo Egeria vén de presentar o libro “O Sorriso de Lilí”, unha homenaxe a Araceli Herrero Figueroa. A presentación tivo lugar na ampla entrada da Biblioteca Provincial de Lugo, ante a imposibilidade de acoller no salón de actos aos máis de oitenta asistentes.
“O Sorriso de Lilí”, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, conta con sesenta e nove colaboracións de amigos, compañeiros, familiares, ou persoeiros das letras de Galicia, dos que alomenos trinta deles mencionaron nos seus traballos o luminoso sorriso (por veces pícaro, por veces “socarrón”, sempre amistoso) que caracterizaba a Araceli
Herrero, e que da título ao libro.

Cando hai un ano que Araceli, fisicamente, nos deixou, un grupo de incondicionais seus quixemos plasmar no libro “O sorriso de Lilí” as impresións máis inmediatas, case repentinas, que o seu pasamento nos fixo expresar. Máis información: Web do proxecto. Descarga de balde do pdf do libro

Propostas anteriores:

IV- 24 de xullo de 2021

III- 17 de xullo de 2021

II- 10 de xullo de 2021

I-  3 de xullo de 2021