A Xustiza estima a oposición de Stop Deshaucios Barbanza ao desaloxo da familia de Catoira

A plataforma Stop Deshaucios Barbanza achegounos novidades sobre a familia de Catoira que estaba en risco de desaloxo. Segundo informo, o Xulgado de 1º Instancia e Instrución nº1 de Vilagarcía de Arousa comunicou este mércores 7 de xullo que estima a oposición formulada polo letrado de Stop Deshaucios Barbanza, Tomás Santodomingo, ao desaloxo da familia do dito concello pontevedrés, composta por dúas mulleres, nai e filla, e os seus respectivos fillos, un deles de tres anos.

Mediante auto da maxistrada-xuíz Sofía Leonor Castro Verdes disponse que “non ha lugar a que prosiga a execución provisional, quedando esta en suspenso” ante a oposición á demanda executiva en solicitude de execución provisional que pretendía o desaloxo da familia da súa casa. Argumenta a maxistrada-xuíz no seu auto que “o desaloxo dunha vivenda familiar ocasiona un abatemento” e “incomodidades dificilmente compensábeis economicamente”, para o caso de que debese restituírse a situación anterior á execución, atopándose pendente de recurso de casación e extraordinario por infracción procesual contra a sentenza que é título de execución.

Continúa o auto da maxistrada argumentando que “aínda que poden ser resarcidos os gastos dunha vivenda alternativa, debido a que tanto as dúas mulleres cabeza de familia traballan e perciben un salario de ao redor de mil euros e poderían custearse outra vivenda, isto suporía maior estreiteza económica para os membros da familia e, por tanto, a oposición á execución debe ser estimada”.

Parte da proba achegada na oposición formulada polo letrado da plataforma, Tomás Santodomingo, foron os escritos de apoio á familia tanto do alcalde de Catoira, Alberto García, como do concelleiro do PSOE de Catoira, Francisco Javier César Costoya, o escrito de apoio de Iván Caamaño en nome propio e do Grupo Popular de Catoira e o escrito da responsábel de servizos sociais de Catoira, María José Pardal Castiñeiras.

Stop Deshaucios Barbanza agradece a todos eles “o seu apoio”, e tamén “a humanidade mostrada pola maxistrada-xuíz Sofía Leonor Castro Verdes, que resolveu con gran sentido da xustiza e con gran humanidade”. A plataforma que coordina o ribeirense José Manuel Pena tamén agradece o importante traballo despregado pola procura Marta Delgado e o letrado Tomás Santodomingo.