Un clásico no ámbito dos nosos retos deportivos náuticos, a regata Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín, vai ser puntuábel este ano (na súa 33 edición) para o Trofeo Presidente da Xunta de Galicia. Este fito foi posíbel grazas á xestión do Real Club Náutico de Sanxenxo que, por motivos de axenda deportiva (especialmente intensa este verán), cede a puntuabilidade da 6ª Regata Rei Juan Carlos – Master El Corte Inglés ao Real Club Náutico de Portosín, convertendo á cita barbancesa na segunda posta en escena do afamado Trofeo da Xunta de Galicia.

Pedro Campos, como presidente do Náutico de Sanxenxo, quixo explicar que o motivo da decisión non é outro que “a celebración este ano do Campionato de Europa da clase 6 metros, que imposibilita a celebración, ao nivel que se merece, da terceira proba puntuábel do Trofeo Presidente da Xunta; por este motivo decidimos, co total apoio do R.C.N. da Coruña, o Monte Real Club de Iates de Baiona, a Real Federación Galega de Vela e a Secretaría Xeral para o Deporte, cederlle este dereito ao club amigo de Portosín para a súa regata máis antiga, xa que estamos todos seguros que o farán coa máxima calidade e, pola nosa banda só desexarlles, o maior dos éxitos”. Segundo engadiu Campos, “unha vez máis demóstrase que a colaboración dos clubs náuticos galegos é fundamental para o éxito do noso deporte”.

Fernando González, comodoro do Real Club Náutico de Portosín, respondía mostrando a súa ledicia e a ilusión da entidade deportiva que representa: “Para o noso club a incorporación ao trofeo Presidente Xunta de Galicia este ano 2021 da nosa regata Mar de Finisterre é unha gran alegría e unha oportunidade. Unha alegría por ser algo que perseguimos desde hai tempo para dar o salto definitivo á nosa regata máis antiga con xa 32 edicións celebradas, o que a converte en todo un clásico do calendario. E unha oportunidade porque esperamos que sexa un éxito que nos traia a incorporación definitiva”. E engadiu: “É importante resaltar que esta gran noticia non sería unha realidade sen a xenerosidade do RCN de Sanxenxo, que ante o seu saturado calendario decidiu expor esta solución. Por todo iso, gustaríame dar as grazas ao seu presidente, Pedro Campos, á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e á RFG de Vela”.

Mar de Finisterre
A Mar de Finisterre é unha regata que ofrece diversas probas moi diferentes en dúas xornadas de competición. A primeira desenvólvese cunha travesía costeira desde a Ría de Muros e Noia até a enseada de Fisterra, virando logo o faro do Carrumeiro Chico para regresar até a mesma bocana de entrada ao porto deportivo de Portosín, “nun trazado dunha extraordinaria beleza paisaxística”, en palabras do Club Náutico desta localidade.
Durante a segunda xornada celébranse dous bastóns ao vento, tipo barlovento-sotavento cunha lonxitude aproximada entre as 6 e as 8 millas náuticas, dependendo das condicións meteorolóxicas.