A Policía avisa da mesma estafa informática detectada en Ribeira noutras tres cidades da provincia

A Policía Nacional advirte dunha estafa informática a través do teléfono que afectou a numerosos cidadáns en distintos municipios da provincia coruñesa. De feito, tras detectalo en Ribeira, tal como informamos en obarbanza.gal, agora avisa de que tamén nas últimas semanas producíronse este tipo de feitos en Ferrol e previamente en Santiago de Compostela e A Coruña.

En todos os casos o ‘modus operandi’ foi o mesmo: “a vítima recibe unha chamada telefónica no seu teléfono fixo, na que unha persoa, normalmente con acento estranxeiro, faise pasar por traballador do servizo técnico dunha coñecida empresa de software e produtos informáticos, e infórmalle de que detectaron que no seu computador hai un problema relacionado cun virus”.

Ademais, quen chama dille á vítima que poden solucionarlle o problema de forma remota polo prezo de cinco euros, os cales deben abonar facilitando os datos da súa tarxeta de crédito.

As vítimas aceptan o trato, dado o “módico prezo”, indica a Policía, e proceden a instalar, tal e como lles indican desde o suposto servizo técnico, un programa que habilita o acceso remoto ao seu computador, para, en teoría, que eliminen o virus do seu terminal.

“Con todo, unha vez teñen o control do computador, os autores da estafa instalan diversos tipos de malware, o que lles permite acceder a todos os datos contidos no mesmo, e facerse coas diversas claves utilizadas polo usuario, concretamente coas de banca en liña”, avisa a Policía.

E co pretexto de facer unha factura polos servizos prestado o estafador pide á vítima os seus datos persoais completos, o seu DNI, e mesmo chegaron a obter directamente das vítimas os seus datos bancarios completos, sinala a Policía. Con estes datos, e cos facilitados polo usuario da súa tarxeta de crédito, os autores comezan a ordenar transferencias e pagos de todo tipo, que continúan ata que a vítima decátase dos movementos na súa conta.