A ANPA do CEIPP de Palmeira mobilizarase o 2 de agosto na praza do Concello de Ribeira

Ante a imposibilidade, por cuestións horarias e de axenda, de abordar no pleno da Corporación de Ribeira deste luns 26 a cuestión relativa aos recortes previstos o CEIPP de Palmeira, a ANPA deste centro educativo convocou unha nova mobilización para o 2 de agosto, tamén na praza do Concello.

A ANPA recorda que só puideron ser abordados na sesión do Concello os dez primeiros puntos do día, sendo as mocións relativas ao colexios os puntos 14 e 15. En consecuencia, a previsión é que estas cuestións poidan ser debatidas no pleno complementario deste vindeiro luns 2 de agosto.

Como actividade conxunta, ás 19.30 horas está programada unha nova concentración das nais e dos pais do CEIPP de Palmeira, a prol “dunha educación sen recortes e de calidade” e (máis en concreto) a prol de impedir o peche de dúas aulas de Educación Infantil e a non concesión do número de PTs e ALs que se precisan para dar cobertura a todo o alumnado con NNEE (Necesidades Especiais) do centro.