O Lustres Rivas inaugura o 2 de xullo unha mostra de Joaquín Cortes, artista de Cabo de Cruz

O Centro Cultural Lustres Rivas vai albergar a partir do vindeiro venres 2 de xullo unha nova exposición titulada Momentos para a creatividade. Trátase dunha mostra individual de Joaquín Cortés Laiño, natural de Cabo de Cruz (Boiro), que se compón de 10 esculturas de parede e pinturas en acrílico sobre táboa, colaxe, mixtas e 20 esculturas exentas realizadas en ferro oxidado, ferro e madeira e mixtas con ferro e outros metais.

Inauguración

O evento será inaugurado o día 2 ás 21 horas nunha apertura cuxo aforo estará limitado a 50 persoas. Cómpre reservar enviando un correo electrónico a culturaefestexos@ribeira.gal.

A mostra ficará no Lustres Rivas ata o 31 de xullo.

O artista

Joaquín Cortés naceu hai máis de 65 anos en Cabo de Cruz (Boiro). Foi á escola na súa vila, onde lle ensinaron a ler e a escribir; o azar, fixo que estudase o bacharelato, primeiro en Boiro e despois en Ribeira. Fixo a carreira de medicina en Santiago de Compostela e a especialidade en Madrid. A morriña fíxolle volver a súa terra, onde exerceu como médico, primeiro en Lugo e despois en Santiago, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira que compaxinaba coa docencia na Facultade de Medicina, como Profesor Asociado.

A pesar de que podía seguir uns anos máis na profesión, decidiu xubilarse para poder dedicarlle máis tempo a pintar e esculpir. Leva preto de tres anos traballando niso como autodidacta, poñéndolle a mesma paixón que antes poñía ao servizo dos pacientes.