En Aguiño actos da XVI Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño

Ao longo da pasada fin de semana tiveron lugar en Aguiño os actos da XVI Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño, cun grande éxito de participación contando cos tempos que estamos a vivir por causa da pandemia. O venres 28 na Xornada Cultural sobre o Centenario do Santa Isabel, coa máxima cabida permitida completa, pois foron 75 as persoas que acudiron á mesma, ademais do grupo de pandereteiras da asociación capitenadas pola profe Manola Valiño que puxo o peche ao acto e os conferenciantes (Xosé María Fernández Pazos, Pepín Bouzas, Manuel Ruiz e Elvira Pisos); comezou ás 20:30 h e rematou ás 22:30 h.

Tamén se fixo entrega da placa de Socio de Honra a Lelucha, viuva de José Manuel Prado Rey, ex directivo da asociación falecido o ano pasado, coa súa familia presente, así como a entrega duns agasallos conmemorativos aos conferenciantes, pandereteiras e a Manuela Sampedro Fernández, presente no acto e filla da heroína de Sálvora, María Fernandez. Pepín, director do parque Illas Atlánticas fixo o anuncio de recoller a proposta que lle fixo a nosa asociación e organizar unha viaxe conxunta entre a entidade, o parque e o concello este ano á illa de Sálvora para homenaxear ás vítimas e heróes da traxedia centenaria, coa colocación dunhas pracas nas casas das heroínas e a plantación dunha árbore autóctona en lembranza das vítimas. Tamén o Alcalde anunciou a súa intención de que o concello instale este ano, ou o que ven, no porto de Aguiño, un monumento ás heroínas Josefa, María e as dúas Ciprianas estando todos de acordo en que a celebración deste centenario podía prolongarse ao 2022 como se fixo co Xacobeo, ao non poder organizar este ano por mor da pandemia todo o que se quixera celebrar para festexar e poñer en valor esta efeméride.

 

O sábado no cemiterio de San Vicente de Noal no Son foron varias as veciñas e veciños de Aguiño presentes xunto a algún de xuño e o Son para participar do acto de Ofrenda Floral e Lectura de Manifesto diante da tumba de Don Paco, onde a presidenta da asociación se encargou de ler o manifesto deste ano, a ofrenda foi realizada por Moncha e Ventura González, socias da entidade, así como por María Vilas (que sostiña a vela), ao son da gaita, o teclado e o violín do DÚO AS LENS de Noia. A continuación, no conservatorio de Aguiño tivo lugar o espectáculo de Cándido Pazó, con 53 asistentes que racharon coa risa, comezou ás 20:40 e rematou ás 22 h.

O domingo 30 de maio, ás 18 h no conservatorio actuou o Mago Román, cun espectáculo que fixo as delicias das familias alí presentes “Laberinto de ilusións”, poñendo o broche á programación deste ano que como sabedes fora adiada do mes de xaneiro xa que sempre se celebra en torno ao 16 de xaneiro, día do pasamento do párroco fundador de Aguiño que da nome á nosa asociación, Francisco Lorenzo Mariño.
As fotos son, de esquerda a dereita: Ofrenda no Son, xornada do 28 de maio, actuación do mago román, público da xornada do 28 de maio, público de cándido pazó do 29 de maio, actuación de cándido pazó e entrega de praca e flores de socio de honra á viuva de José Manuel Prado.