Condenado a dous anos de cárcere por vender cocaína en Ribeira

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos de cárcere a un home por vender droga en Ribeira en agosto de 2019 a un condutor nun semáforo do centro.

A sentenza, emitida polos maxistrados da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago; considera probado que este individuo, ao que se recoñece unha adicción ás drogas, entregou unha bolsa que contiña 0,371 gramos de cocaína a un condutor.

Os feitos tiveron lugar en agosto de 2019 no Malecón de Ribeira, onde uns axentes da policía descubriron a operación e interceptaron as substancias, que tiñan unha pureza do 73% e estaba valorada en 33,57 euros.

No momento da detención, o agora condenado, ao que o tribunal recoñece unha adicción ao consumo de cocaína, levaba consigo 850 euros, aínda que os xuíces non ven acreditado que este diñeiro procedese do tráfico de estupefacientes, polo que ordena que a contía sexa devolta ao procesado.

Contra esta sentenza cabe recurso de apelación.