Os empresarios de Ribeira entregan este sábado o cheque do Día do Nai e inauguran a II Feira do Automóbil

A Asociación de Empresarios de Ribeira é protagonista esta fin de semana dunha serie de iniciativas para revitalizar o comercio local e dinamizar a localidade. En primeiro lugar, a patronal fixo saber que este 28 de maio é a xornada elixida para que a persoa premiada co vale de 1.000 euros da campaña do Día da Nai, a ribeirense María Queiruga, faga efectivo o seu premio.

A campaña, impulsada pola Asociación de Empresarios, encamiñouse a fortalecer o comercio local e a recoñecer e premiar a fidelidade da veciñanza que aposta polos establecementos de proximidade.

O premio consistiu nunha tarxeta bancaria con un importe de 1.000€ menos a retención dos impostos obrigatorios, o asesoramento dun/unha personal shopper e un coche con chofer para levar á persoa agraciada aos establecementos que elixa (previamente á xornada deste sábado) para gastar o premio.

Ás 13.00 horas, o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde fará entrega da tarxeta bancaria co importe da cantidade do premio.

Presentación da nova edición da Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira

II Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico

O acto coincide coa visita do conselleiro á segunda edición da Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico, que é a outra gran actividade que protagoniza esta finde a Asociación de Empresarios de Ribeira, organizadora do evento.

Celebrarase na praza de España, en Ribeira, durante os días 28, 29 e 30 de maio. O horario de apertura ao público será de 10.00 a 21.00 horas. Segundo informa a asociación, poderemos atopar vehículos de vangarda das principais marcas de automóbiles do mercado: Citroën, Toyota, Ford, Renault, BMW, Nissan, Mercedes, Kia, Hyundai e Peugeot.

As persoas interesadas nos modelos que se van presentar na feira, na que se porá o foco nos vehículos máis sustentábeis que se poden atopar nos concesionarios da nosa comarca (híbridos e eléctricos principalmente), terán ocasión de probalos e contarán, para coñecer todas as súas prestacións, coa axuda de persoal especializado.

A entrada será gratuíta.