Boiro Novo pide ao Concello a que suspenda a aplicación das prazas de zona azul

Boiro Novo vén de emitir un comunicado relativo ao regulamento das zonas azuis do concello, no que a agrupación ve “un afán recadatorio” pola curta duración da maioría das áreas locais de estacionamento limitado. Segundo indican, “foron numerosas as queixas que nos chegaron da veciñanza pola instalación das zonas azuis de aparcamento limitado e sobre todo pola escasa duración, de só 15 minutos, da maioría de elas”.

Este tempo dun cuarto de hora, sinalan, “non permite aos veciños, sobre todo aos que viven nas parroquias e vense forzados a desprazarse en coche ata o centro urbano, facer calquera recado ou trámite común nun tempo razoábel”. E engaden: “Cremos que a única explicación que motive isto só pode ser recadatoria”.

Boiro Novo explica que o artigo 93 do código de circulación “indica que as zonas de aparcamento limitado serán reguladas por ordenanza municipal”, unha ordenanza que o Goberno trouxo ao pleno de xaneiro e que, segundo recorda a agrupación, “foi rexeitada pola ampla maioría da Corporación municipal, xa que o PSOE non quixo chegar a acordo e non aceptou ningunha emenda ou alegación das formuladas, nin polos grupos da oposición nin tampouco das que presentaron os veciños”. A agrupación critica ao Goberno local por “non acatar a decisión plenaria” e “por ter colocado estas zonas azuis aumentando en máis do triplo as prazas de aparcamento exprés de 15 minutos que se puxeron a exposición pública na ordenanza no seu día”.

Boiro Novo engade que o Goberno local, “xa que desfruta do privilexio de poder estacionar de balde no aparcadoiro do Concello, esqueceu a realidade na que vive o resto da veciñanza e non é consciente do problema que esta medida implica para moitos traballadores de Boiro e veciños que se teñen que desprazar dende o rural”.

En base a todo o devandito, o grupo insta ao Concello a “que valore estas circunstancias”, “suspenda a aplicación das prazas de zona azul”, e “traballe por consensuar unha ordenanza de circulación máis razoábel que conte co apoio da Corporación”.