
O Concello de Boiro renova o distintivo de Bandeira Verde de Galicia, un galardón que premia aos municipios da comunidade autónoma que destacan polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. A concelleira de Medio Ambiente, Olga González, recolleu esta mañá o distintivo.
Esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático na que participa o Concello de Boiro, premia a aqueles concellos máis dinámicos e que destacan polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Para a convocatoria 2026 o Concello de Boiro presentou unha serie de iniciativas levadas a cabo ligadas a paliar os efectos do cambio climático como a realización de auditorías do sistema de abastecemento e da rede de abastecemento para planificar e realizar obras de mellora en distintos puntos.
Outras das accións realizadas na última anualidade son as vinculadas coa redución de gases que producen efecto invernadoiro mediante a adquisición dun camión 100% eléctrico para a recollida de bioresiduos; a adquisición dun vehículo eléctrico para os servizos municipais ou a instalación fotovoltaica para autoconsumo na EDAR.
O Concello de Boiro presentou a esta convocatoria tamén accións realizadas no marco da educación ambiental e a participación cidadá como foi o desenvolvemento da primeira Feira Agroforestal e a campaña de sensibilización para o fomento da compostaxe doméstica.
En canto as accións de urbanismo, patrimonio, planificación inclusiva e mobilidade realizáronse actuacións como a mellora dun camiño rural en Moimenta, a mellora e adaptación do Centro Arqueolóxico do Barbanza ou a rehabilitación da Capela do Pazo de Goiáns.
Con estas accións levadas a cabo o Concello de Boiro volve conseguir, por terceiro ano consecutivo, a Bandeira Verde de Galicia que distingue aos municipios comprometidos coas boas prácticas ambientais e a conservación da paisaxe.



