Impulso definitivo á senda turístico-fluvial do río Pedrín, en Ribeira

06 Abril 2021

O Concello de Ribeira recuperará ambientalmente o río Pedrín, na contorna de San Roque, e creará unha senda turístico-fluvial ao longo do mesmo. O obxectivo é poñer en valor o dito curso fluvial, seguindo o ronsel dos traballos desenvolvidos no Artes-Sanchanás, que conta cunha ruta que xa é un referente comarcal e estatal en materia de riqueza ambiental, paisaxística e de lecer.

Esta actuación enmárcase na iniciativa EDUSI Máis Riveira Atlántica, que está co-financiada nun 80% polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Execútase na liña de actuación 14 da dita EDUSI denominada Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico. O orzamento base para realizar o proxecto será de 109.798,28 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de seis meses.

O Concello lembra que se ben o arroio Pedrín non é destacábel en termos de caudal, “é importante pola súa localización á beira do centro urbano de Ribeira”, cun percorrido que comeza no monte Castro e discorre logo cara o Parque Periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro que é actualmente un refuxio para varias especies de anfibios. “Desde ese lugar o curso de auga descende ata o centro urbano de Ribeira, por onde vai xa canalizado e soterrado”, explica o Goberno ribeirense, cuxo obxectivo agora é “recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do arroio a través dun proxecto que inclúe non só a recuperación propia do curso fluvial (limpeza do leito e da ribeira), senón tamén a proxección dun percorrido a través da servidume de tránsito do arroio”.

Búscase polo tanto a recuperación da riqueza ambiental da contorna e do propio leito do arroio Pedrín. Para iso vanse efectuar unha serie de actuacións:

• Roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, de ser caso, as árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e de servidume do arroio Pedrín.

• Detección de puntos de contaminación que poidan afectar o arroio e, de ser caso, medidas para a súa corrección.

• Restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto.

• Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río Pedrín e das zonas inundábeis.

Tocos de madeira para marcar o itinerario

Para “contribuír á posta en valor do arroio, da súa riqueza natural e cultural”, o proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactado e a colocación de tocos de madeira cada 9 m para marcar o itinerario, na marxe esquerda do arroio Pedrín. “Será un itinerario turístico fluvial que ten en conta a disposición topográfica do terreo en cada parte do curso do río coa fin de adaptar as características da senda aos seus atributos naturais”, engadiu o Concello.

Dous ramais

O itinerario discorre ao longo do río cunha lonxitude de 685 metros. Complétase a senda, cun acceso cara o núcleo de Frións (acceso sur) a través dunha parcela de titularidade municipal, localizada na paraxe de Granxa, cuxo ramal terá unha lonxitude de aproximadamente 200 metros e con outro ramal (acceso norte), duns 135 metros, que conecte coa parte baixa do Parque Periurbano de San Roque.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...